«Hai 50 anos eu ía a Madrid no meu Seat 600 e mirábanme todos»

María Guntín
María Guntín COSPEITO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Genoveva amosa o seu carné, sacado no ano 1963 na cidade de Lugo
Genoveva amosa o seu carné, sacado no ano 1963 na cidade de Lugo OSCAR CELA

Genoveva Álvarez Castiñeira conduciu durante 40 anos e chegou a manexar tractores e segadoras

16 jun 2021 . Actualizado a las 12:14 h.

Genoveva Álvarez Castiñeira ten 83 anos e aínda lembra o día no que sacou o carné de conducir aló polo 1963. Naceu en San Xoán de Sistallo, en Cospeito. Agora recibe unha merecida homenaxe nun programa do concello que tenta concienciar do poder, valía e traxectoria das mulleres do rural lucense.

—Onde sacou o carné de conducir?

—Saqueino en Lugo, na rúa do Progreso. Eu daquela non vivía na cidade así que, aínda que o exame era o xoves, fun un luns para Lugo quedar na casa duns familiares. Aprobei a teórica e a práctica no mesmo día. Daquela, eu era a única muller de autoescola, só había homes. E leveino ben, sempre me trataron como a un igual.

—Segue conducindo?

—Agora xa non conduzo porque tiven un desprendemento de retina. Co meu Seat 600 ía ata Madrid; todos me miraban. Agora aínda lle gardo o coche no garaxe ao meu fillo se fai falla. Eu fun condutora durante uns 40 anos. 

—A que ía a Madrid?

—Ía levar a meu fillo porque estaba maliño, pero tamén carguei con meu pai, que enfermou, e requiría de min constantemente.

—E onde vai o seu 600?

—O meu 600 aínda anda cun veciño. Habitualmente coidei moito o coche, estaba sempre preparado para saír. Os vehículos de alta gama pasábanme diante nas rectas, pero non nas curvas non había quen atallase máis que o meu 600.

—Conduciu algo máis que coches?

—Tamén tiña un tractor na casa, eu era a que araba porque o meu marido non conducía e meu pai enfermou do pulmón.

—Onde viviu?

—Levo aquí en Cospeito case toda a vida. Meu irmán foi o que estudou, pero eu saquei o carné en seguida e araba co tractor para todos os veciños mentres que eles non sacaron o carné e non compraron maquinaria.

—Como definiría a súa vida?

—A miña vida foi complicada, tiven un neno enfermo do ril. Marchei para Santiago con el e estivemos aló ano e medio. Eu traballei de camareira no Derbi, na Praza de Galicia. Daquela aínda non había diálise en Lugo.

—Tivo que ser duro.

—Coidei da miña sogra e meu marido foi para Calde. A miña vida foiche unha peripecia, pero aquí estou e xa levo viúva anos.

—Onde máis traballou?

—Traballei toda a vida na casa, pero tamén noutra cafetería na que estaba de cociñeira. Sempre tiven man para facer de comer, e meu fillo herdouna.

—Conte algunha anécdota.

—Teño saído de aquí ás dúas da mañá para Santiago pola enfermidade do meu fillo. O coche deume moita liberdade, e sen el non sei como tería feito.

—Tivo animais?

—Tiven vacas. Traballei moito, igual que miña nai. Ela faleceu con 98 anos, pero esmerouse coa faena sempre.

Agora, Genoveva xa non ten vacas, pero aínda coida dun can e das pitas que están criando uns polos que apenas teñen uns días de vida. Esta lucense aínda se emociona ao falar de seus pais: «Bótanse de menos toda a vida, igual que aos avós», di convencida ás portas da súa casa, nesta aldea de Cospeito. Ela, que recibe o xornal a diario na súa casa, sabe de sobra en que «pasar o tempo», di mentres amosa un cesto de ovos que fixo con papel de vellos xornais.