A obra lírica de Isidro Novo chega ás librarías con «Poesía galega reunida»

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Portada de la nueva publicación
Portada de la nueva publicación CEDIDA

Galaxia publica unha antoloxía sobre o autor de Lugo

09 jun 2021 . Actualizado a las 13:23 h.

A obra lírica de Isidro Novo (Lugo, 1951-2018) chega ás librarías con Poesía galega reunida (1991-2017), antoloxía publicada pola Editorial Galaxia, dentro da colección Letras Galegas Clásicos.

Autor de máis de vinte libros, Novo foi tamén creador de guías, ensaísta, columnista, tradutor e narrador, con obras como Carne de can ou Escuro rumor tralo silencio, que recolleron maior recoñecemento, se acaso, que as poéticas. Aínda que comezou como poeta en castelán, como indican na introdución a esta compilación J. L. Calvo Vidal e Yago Rodríguez Yáñez, «axiña retornou á lareira lingüística do galego, para camiñar ergueito e con voz única polas súas feraces corredoiras, para ollar os solpores vermellos entre os piñeiros e os dez ollos da pedra romana, para habitar a brétema e as ribeiras do río e cantarlle ao noso mar», pero tamén para falar dos asuntos contemporáneos. Chegou a ser coñecido como o «xograr da gravidade», xa que entendía o invisible, o divino e o dolorosamente humano.

Neste volume atópase a súa produción poética completa, que inclúe Dende unha nada núa, Esteiro de noites falecidas e CO2, máis a poesía espallada en revistas, libros colectivos ou poemarios inéditos coma Sinopse (Romance do presaxio), Sonetario impertinente (Sen ramal) e De tanto amar a Dores.

Galaxia contou co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo para recoñecer a obra poética dun home que amaba profundamente a lingua. A parte do seu labor literario, foi promotor dende a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega de iniciativas como «Palabras con memoria» -para recuperar palabras galegas en desuso, en perigo de extinción ou que non aparecen nos dicionarios-, ou as Xornadas de Literatura de Tradición Oral, xunto a Antonio Reigosa, para a valorización e visualización do patrimonio inmaterial literario.