Sexamos máis pobo

Antón Negro Expósito DELEGADO EPISCOPAL DE CÁRITAS DIOCESANA DE LUGO

LUGO CIUDAD

02 jun 2021 . Actualizado a las 10:10 h.

Cando Cáritas pon diante da nosa vista un lema coma o deste ano podemos, por unha parte, botarlle unha ollada superficial quedándonos na primeira impresión coa que chegue a nosa mente, ou podemos tentar ir un pouco máis ao fondo para atopar toda a cosmovisión na que se inserta o sentido antropolóxico e teolóxico do lema para descubrir as actitudes sobre as que organizar a vida persoal e social.

Primeiramente quero considerar a palabra POBO e diferenciala de outras que a veces empregamos dun xeito superficial coma se fosen sinónimos. Refírome a termos coma Multitude, Nación, Masa, Colectivo... nos que non ten unha cabida axeitada a persoa humana coa súa dignidade propia e única e a súa responsabilidade intransferible, pero dentro deses termos referidos antes por outra parte non tería ningunha dificultade o concepto de individuo, que pode ser aplicable a moitas realidades.

Un POBO é unha unión de persoas diferentes entre si que están en colaboración e con apoio mutuo, pero todas esas persoas son necesarias para que o pobo sexa tal e como hoxe é. A realidade histórica de que haxa persoas que nacen e que morren vai modificando as características concretas do pobo, como tamén o van modificando a evolución de todas e de cada persoa.

As ciencias dinnos que non hai dúas persoas iguais no mundo, tanto porque o seu ADN fai que cada persoa sexa distinta das demais, como tamén son diferentes as impresións dixitais de cada persoa que a distinguen das de outras persoas. O mesmo pasa co iris dos ollos de cada persoa que é propio e diferente dos demais, e ata o mesmo rostro nos diferenza a uns dos outros.

Sendo distintos parecémonos porque todos somos humanos, membros da única raza humana e ademais tamén a ciencia nos di que o ADN das mitocondrias remite a que todos somos descendentes dunha mesma nai, unha única «Eva». É dicir, somos iguais e diferentes, o que se traduce en que temos igual dignidade, os mesmos dereitos e deberes, pero cada persoa aportando cousas diversas ao ben común coma nunha gran sinfonía harmónica da humanidade.

O POBO está formado por persoas responsables, que responden a chamada recibida para desenvolver ao máximo as propias capacidades e tamén responsables dos que camiñan na vida connosco, pois, se esta responsabilidade falla, desaparecería a humanidade da terra, porque somos os seres que nacemos máis indefensos e durante varios anos necesitamos que a familia e a sociedade nos acollan e coiden, é máis, sempre necesitaremos da colaboración e da axuda de outras persoas.

Para a boa marcha do pobo hai que harmonizar: por un lado o protagonismo de cada persoa sen que asoballe aos demais e por outra unha actitude de agradecemento a tantas persoas que na nosa vida nos fixeron tanto ben. Por exemplo sobre o que hoxe comemos a mañá, por cantas mans de cerca o lonxe de nós pasou ata terminar no noso estómago? Tamén habería que pensar nos que traballan na fonte de enerxía coa que o preparamos, no envase no que o comemos, na mesa e na cadeira onde o tomamos...

Ser máis pobo esíxenos ser facedores de pontes, PONTÍFICES, para posibilitar o encontro e o diálogo entre as persoas, entre os diversos grupos que hai, entre as distintas cidades e estados, entre os continentes para constituír un único pobo, unha única humanidade, UNHA SOA FAMILIA HUMANA ENTRE TODOS. 

Constituír a familia humana esixe que todos nos responsabilicemos de coidar da Casa Común de todos, do planeta polo que camiñamos durante a vida presente e tamén de agarimar e reparar a creación para que sexa unha boa casa de acollida para os que veñan ao mundo despois de nós no futuro. No momento final pidamos que a todos nos reúna Deus Pai no seu POBO CELESTIAL.

Antón Negro Expósito

Delegado Episcopal de Cáritas Diocesana de Lugo