Campaña do día da Caridade 2021: Sexamos máis pobo

Arturo Parrado Puente DIRECTOR XERAL DE INCLUSIÓN SOCIAL DA XUNTA DE GALICIA

LUGO CIUDAD

30 may 2021 . Actualizado a las 15:56 h.

Toda actitude solidaria con quen precisa apoio, sexa de xeito prolongado ou de forma puntual, ben merece celebrarse.

A crise sanitaria veu da man dunha súbita e intensa crise socioeconómica que, en cuestión de meses, fixo retroceder en varios anos o proceso de recuperación que iniciáramos e que xa amosaba mellorías consolidadas.

Esperamos que, por súbita, tamén sexa o máis breve posible. E que iso se cumpra, esixe un esforzo colectivo que cada persoa debemos facer desde os diferentes roles que desempeñamos día a día na sociedade, na nosa contorna familiar, social, laboral ou doutra índole.

Esta situación foi, e segue sendo, un desafío para o Sistema Galego de Servizos Sociais, integrado por Administracións públicas e entidades prestadoras, nomeadamente de iniciativa social.

Nestes últimos meses os servizos sociais públicos tivemos que intensificar a nosa actividade para responder coa maior eficacia e axilidade, ás necesidades da poboación que máis sufriu os impactos da pandemia. Para lles dar cobertura, reorientamos todas as previsións cara a aumentar os orzamentos necesarios para poñer en marcha ou reforzar medidas, principalmente de carácter asistencial e de apoio á renda, que se precisaban nos primeiros momentos e que aínda hoxe segue a precisar parte da poboación.

Neste proceso, a alianza e acción conxunta entre as Administracións e as entidades do Terceiro Sector, como Cáritas Diocesana de Lugo, foi clave para que todos eses esforzos cumpriran cos obxectivos propostos; obxectivos que, co tempo, vanse tornando noutros, xa en clave de recuperación.

Elas volveron demostrar a importancia que ten a acción social organizada para a sociedade. Son referentes para a poboación, traballan nun nivel de proximidade, con flexibilidade e con unha profesionalidade cada vez maior, coñecen ben a realidade social, exercen a representación dos intereses da poboación para o exercicio efectivo dos seus dereitos e crean redes que fortalecen a comunidade. É importantísimo apoialas e colaborar coa súa labor.

A pandemia tróuxonos o peor en termos sanitarios, socioeconómicos, laborais..., pero evidenciou o mellor: a entrega do persoal sanitario e de quen traballan nos servizos esenciais, e moitas, moitísimas historias e mostras de solidariedade e apoio espontáneo entre a veciñanza, incluso aínda sen coñecerse antes.

A solidariedade é un compoñente básico do pegamento que cohesiona á sociedade. E esa cohesión necesitámola para recuperarnos ben e seguir crecendo.

En Galicia, desde hai séculos, sabemos que o bo camiño é o que chega ao seu destino; e que o mellor destino é ao que chegamos todas e todos. Camiñemos máis xuntos. Sexamos máis pobo.