O decano da Facultade de Humanidades: «O obxectivo do Grao en Xestión Cultural é preparar aos alumnos para o mercado laboral»

André Siso Zapata
ANDRÉ S. ZAPATA LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

O novo título botará a andar o próximo curso, e estará enfocado en formar aos estudantes en linguas estranxeiras, cultura dixital, xestión de recursos e finanzas

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo curso, bota a andar no campus de Lugo o novo Grao en Xestión Cultural. Tras meses de análises, trámites e investigación, a Universidade de Santiago de Compostela deu este mes de maio o visto bo definitivo á nova aventura na que se embarca o campus de Lugo. Concretamente, este novo título impartirase na Facultade de Humanidades, e substituirá ao Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, presente ata agora, pero que se extinguirá de forma inexorable á fin deste curso 2020/2021.

A estrea da nova carreira, segundo os cálculos da USC, contribuirá a revitalizar unha facultade que estaba a pasar por un mal momento en canto á afluencia de alumnado. Lugo será, a partir do próximo mes de setembro, a terceira cidade de España que goce desta titulación, só por detrás de Córdoba e Huelva. As aspiracións do ámbito universitario lucense son, polo tanto, máis prometedoras do que se recorda en moito tempo. Fe disto da o decano da facultade que acollerá o novo Grao, Gonzalo Fernández.

-Como vai a fase de preparación do novo grao?

-Vai ben, vai ben. Xa temos todo listo, diría eu, case ao cen por cen. Cando menos a parte informativa e divulgativa, que xa está na páxina web para que os potenciais alumnos poidan consultala. A labor de presentación e difusión tanto por parte da USC como da nosa facultade foi, se me permites, marabillosa. Ata eu fixen cousas que nunca pensei que faría, como abrirme un perfil de Twitter para rebotar as noticias referentes ao novo Grao. Tamén lle dimos importancia á difusión a través de asociacións, como a Fegamp, para chegar á xente de tódolos concellos de Galicia e de España.

-Cales son as características que o fan especial?

-Son moitas, desde logo. Por exemplo, o enfocada que está cara á profesionalización do alumnado. Ademais, démoslle moita importancia á transversalidade para que os estudantes poidan coñecer contidos relacionados con outras materias e profesións. Tamén é destacable o moito que incidimos na formación no ámbito dixital, algo que consideramos imprescindible na actualidade, polo que moitas materias están relacionadas coas novas tecnoloxías.

-Será de verdade útil para os futuros graduados?

-O obxectivo do título é, de feito, preparar aos alumnos para o mercado laboral. Analizamos o sector da man dunha comisión asesora de persoas que agora mesmo traballan no mundo da xestión cultural, polo que estamos ao tanto do que piden exactamente as empresas do sector.

-Que opcións teñen os estudantes tras graduarse?

-Unha enorme cantidade delas. É unha das nosas intencións, aportarlle aos alumnos a formación necesaria para ser candidatos aptos para moitas saídas. Por exemplo, facemos que estuden dúas linguas estranxeiras, con especial atención ao portugués e ao seu potencial de internacionalización cara os nosos veciños e cara o Brasil, e promovemos que se formen en ámbitos como a economía, as letras, as finanzas ou a planificación de proxectos.

-Por que volve a apostar o campus de Lugo por un sector como o cultural?

-Porque é un sector en auxe. En España, 710.000 persoas traballan nel, case o 3 % de tódolos traballadores do Estado. E cada vez vai a máis.

-A facultade leva tempo apostando claramente pola docencia semipresencial. Como está a funcionar?

-Realmente ben. Levamos anos con este tipo de docencia si, sobre todo no noso mestrado de Servizos Culturais, que é integramente semipresencial. De feito, resistimos moi ben aos efectos burocráticos da pandemia, xa que estabamos formados na docencia online. Polo tanto, é unha carreira moi atractiva para estudantes de fora de Galicia, cuxa afluencia xa levamos rexistrando na facultade desde hai anos.