Detido un lucense por intentar agredir a outro cun coitelo e unha botella de cristal

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Axentes da Policía Local de Lugo
Axentes da Policía Local de Lugo

A Policía Local desarmou ao home na Ronda das Fontiñas

11 may 2021 . Actualizado a las 10:49 h.

A Policía Local de Lugo detivo a un home de 37 anos por intentar agredir a outro cun coitelo e unha botella de cristal. O suceso tivo lugar sobre as 6.30 horas do día 9, cando efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local son comisionados pola Sala do 092 para que acudan a un inmoble da Ronda das Fontiñas xa que, segundo denuncian os veciños, hai ruídos e berros que proveñen dunha vivenda. Os axentes observan, fronte ao edificio, un home que porta nunha man un coitelo e na outra unha botella de cristal, e tenta agredir con ambos obxectos a outro home que tiña a súa camiseta envolta no brazo para defenderse da agresión. Os policías ordenan ao agresor que arroxe a arma e a botella, facendo caso omiso, polo que é inmediatamente desarmado coa utilización da defensa regulamentaria, sendo reducido e esposado.

O outro home que se achaba co torso espido manifestou aos axentes que ten problemas co agora detido, que ese día estiveron de festa nunha vivenda dese edificio e que comezaron a discutir e pelexarse no piso e que a discusión continuou na rúa, onde o detido sacou un coitelo de 17 centímetros de folla que collera da vivenda e tentou cravarllo, á vez que o ameazaba de morte. 

O detido, de 37 anos de idade, foi trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias por estes feitos, conducindo ao agredido, de 31 anos, que presentaba feridas que non revestían gravidade, a un centro médico para a súa atención facultativa, identificándose tamén a varias testemuñas destes feitos. A rápida e extraordinaria intervención dos axentes da Policía Local de Lugo que lograron desarmar ao home, con grave risco para a súa integridade física, evitou que se produciran lesións moi graves.

Intento de roubo dun bolso 

Por outra banda, sobre as 17.15 horas do día 9, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local son informados pola Sala do 092 de que en Camiño Real acabábase de producir un intento de roubo a unha muller, indicando a vestimenta do autor deste delito. No lugar áchase unha ambulancia do 061 e unha dotación do 091 que atenden á vítima, unha señora de 80 anos, que manifesta que momentos antes un home tentáralle arrebatar o bolso mediante o sistema do tirón, resistíndose e tirándoa ao chan, pero fuxindo do lugar sen conseguir roubarlle o bolso. A muller indicou as características físicas e a vestimenta desta persoa.

Por tal motivo, a patrulla de Policía Local realiza unha batida pola zona, achando a este home, de 58 anos de idade, sentado nun banco na rúa Lamas de Prado confluencia coa rúa Quiroga, polo que proceden á súa detención, despois de recoñecer que fora o autor do delito de intento de roubo con violencia, recoñecéndoo tamén a vítima, sendo trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.