Un parque art decó, unha pérgola racionalista e Primo de Rivera

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O parque de Rosalía de Castro, en Lugo, agocha unha manchea de historias dende a súa creación

08 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lugo, 1921. A antiga Lucus Augusti comeza a espreguizarse e a gañar trazos de cidade. O alcalde, Ángel López Pérez, decide recuperar unha idea que xa se barruntara a finais do século XIX: construír un gran parque xunto á trama urbana. A primeira vontade foi levantalo entre o que hoxe sería O Vello Cárcere e Bispo Aguirre e bautizalo como parque Moltó, na honra dun xeral que favoreceu a Lugo ao atraer a numerosos militares; pero esta idea finalmente foi desbotada e apostaron por situar esa zona verde preto de Recatelo, nunha localización privilexiada con vistas ao río Miño.

Así relata o historiador Adolfo de Abel Vilela os alicerces do que hoxe é o parque de Rosalía de Castro, un pulmón verde na cidade que o vindeiro mes de xullo celebrará o seu centenario. «Mercaron varias fincas na zona con nomes como As Luisianas ou A Madalena de Recatelo, e situaron o parque onde está hoxe coa visión de que a cidade medrara para esa parte», narra Abel Vilela. O estudoso foi no seu día coautor do Plan Director do parque, Ben de Interese Cultural, e vén de escribir un libro sobre a zona verde que editará o Concello de Lugo para celebrar o centenario.

O parque de Rosalía celebra cen anos este mes de xullo
O parque de Rosalía celebra cen anos este mes de xullo ALBERTO LÓPEZ

Nun primeiro momento, aquel parque que quería ser referencia para todas as clases sociais situouse sobre 94.656 metros cadrados de parcelas polas que se pagaran 91.078 pesetas. Comezou a construírse no 1821 e rematouse no 1930. «Ramiro Sainz, entón arquitecto municipal e que sería máis tarde un dos que reformaría Santander tras o incendio que devorou parte da cidade, foi o encargado de deseñalo», relata Adolfo de Abel. «Mentres, Juan Cruz de Aguilear, bilbaíno, encargouse do paisaxismo».

En plenos anos 20, o estilo art decó que imperaba na época foi o que guiou a Sainz para deseñar o parque de Rosalía. Pero o destino quixo que unha das imaxes máis icónicas da zona verde fose das primeiras obras racionalistas construídas en España. «No ano 1925 o arquitecto Eloy Maquieira deseñou a pérgola, que se converteu nunha das primeiras obras racionalistas. Probablemente a segunda coñecida en España, tras o pavillón Goya de Zaragoza», abunda o historiador.

Naquel primeiro proxecto de parque, mesmo se proxectara un bar con biblioteca co que se pretendía animar ás familias a visitar a zona e gozar da lectura. Lonxe de ser concibido como unha zona de recreo para a puxante burguesía lucense, o parque de Rosalía creouse sen trazo social, pretendía acoller a todo o mundo.

Primo de Rivera quixo que se instalara un mapa de España no parque
Primo de Rivera quixo que se instalara un mapa de España no parque ALBERTO LÓPEZ

O mapa de España

«Unha das curiosidades do parque é o mapa de España que incluíu. Nunha visita de Primo de Rivera a Lugo, o alcalde Ángel López Pérez levouno a visitar o parque, e o ditador suxeriulle que colocase nel un mapa de España para o que mesmo deseñaran unha cuberta. Tamén se proxectara un pombal no que se querían criar e vender pombas», continúa Adolfo de Abel.

O parque de Rosalía é como unha sucesión de curiosidades, como que a primeira fonte que se instalou era unha copia da Fuente de los Toreros do parque de María Luisa, en Sevilla. «Era de azulexaría, pero coas inclemencias do tempo o material non daba bo resultado, e desapareceu».

Outra das curiosidades da zona verde son os nomes que tivo ao longo da súa historia. Antes de que a autora de Negra Sombra lle dese o seu nome, coñeceuse doutras maneiras. «Bellavista foi o primeiro nome popular que tivo, cando aínda non se designara. Logo chamóuselle Alfonso XIII en homenaxe ao rei, e durante a República cambiáronlle o nome e puxéronlle Rosalía de Castro», explica Adolfo de Abel Vilela. Durante a ditadura respectouse tal bautismo, e hoxe en día a poetisa segue presidindo a entrada do parque lucense ao que deu nome.