Patricia Castro, vicedirectora do conservatorio de Lugo: «Sacamos a música ás rúas para motivar ao alumnado e ao público»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Patricia Castro é vicedirectora do Conservatorio e profesora de fagot
Patricia Castro é vicedirectora do Conservatorio e profesora de fagot ALBERTO LÓPEZ

Os estudantes do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes encherán de concertos as prazas da cidade en abril e maio grazas ao ciclo «O conservatorio na rúa»

28 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Patricia Castro pertence á renovada directiva do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, de Lugo. Como vicedirectora, é unha das impulsoras da iniciativa O conservatorio na rúa, que o centro lucense e o Concello de Lugo levan a cabo desde esta semana nas prazas do centro da cidade. O mércores 28 pola tarde actuará o Dúo de Guitarra e Clarinete, con Sira Goyanes e Juan Valdés.

-Como xurdiu a idea desta iniciativa?

-Parécenos moi interesante a idea de organizar actividades xunto con outras institucións. A maiores, debido ás restricións e ás complicacións de organización cos instrumentos de vento, pareceunos boa idea sacar a música a rúa. Coincide, ademais, coa primavera, unha época propicia para iso. Os músicos somos de actuar publicamente, e coa pandemia estabámolo reducindo a gravacións, porque non pode entrar no centro ninguén alleo a el, e tampouco está permitido mesturar alumnado. Só estabamos ofrecendo algúns concertos no xardín, con moito éxito, porque había xente pola rúa que se paraba a velos. Así que sacamos a música ás rúas para motivar ao alumnado, pero tamén ao público.

-Cando serán os concertos?

-O ciclo comezou esta semana [este xoves actuará o grupo de frautas; e o venres, o dúo de frautas, piano solo e piano a catro mans], de xeito previo á apertura do prazo de inscrición de nova incorporación ao conservatorio, que abrirá en maio. A segunda quenda de concertos comezará o 18 de maio, tamén na rúa, a semana anterior ao remate do prazo de matrícula. Así que aproveitamos os concertos para animar á xente á inscribirse no conservatorio, dado que este ano non podemos ter xornadas de portas abertas debido ás restricións. Os concertos de maio terán lugar tamén noutros barrios da cidade, coma a Praza Agro do Rolo ou o Parque de Rosalía.

-Como organizan a actividade no conservatorio coas restricións?

-Este ano descendeu un pouco a matrícula porque a xente tiña medo. Pero as clases son seguras. As clases de vento danse en aulas de 44 metros cadrados, con distancias moi amplas e ventás continuamente abertas. Nas clases de piano, hai dous pianos por aula, para que alumno e profesor non compartan instrumento. Convertemos tamén a biblioteca noutra aula e temos clases polas mañás e polas tardes, xa que hai alumnos de bacharelato que este ano teñen clases polas tardes. Non puidemos ter banda este ano, pero si que pensamos en crear unha Big Band, que dará o seu primeiro concerto o sábado 22 de maio na Praza Maior.