
O 9 de abril de 1921 celebrouse unha festa con motivo da colocación da primeira pedra
24 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O pasado día 9 de abril, cumpríronse 100 anos da cerimonia de colocación da primeira pedra do Hospital de Santa María, unha ansiada obra que o tesón dun alcalde fixo realidade sen ter medios económicos para levala a cabo. Os hospitais medievais de Santa Catalina, San Bartolomeu, Santa María do Campo ou Mirleo e San Miguel, quedaron reducidos a un, o de San Bartolomeu, ao integrar nel as súas rendas por disposición de Felipe II a fins do século XVI.
En 1621 o bispo Alonso López Gallo trasladouno das Cortiñas de San Román (Praza Maior) ás Torres do Conde don Fadrique, situadas no Carballal, (Praza de Ferrol), onde permaneceu ata a súa destrución parcial por un incendio o 25 de marzo de 1857, aínda que temporalmente os enfermos permaneceron no que quedaba de edificio.
Con motivo da visita que fixo á familia real á cidade en setembro de 1858, pediuse a Isabel II a construción dun novo hospital, así que entre 1866 e 1875 constrúese o Hospital de Isabel II que nunca chegou a utilizarse para este fin xa que o ocupou a Deputación Provincial, o Instituto e a Biblioteca Pública.
Para poder facer un novo hospital municipal no solar do antigo, acondicionouse unha parte do convento de Santo Domingo e trasladouse a el aos enfermos. Posteriormente considerouse inadecuado o solar facendo un novo proxecto Nemesio Cobreros en 1882 para levantalo detrás do convento, pero tampouco se chegou a construír.
As orixes
A lei orgánica que regulaba as competencias municipais, asignaba como un dos fins e servizos do concello o fomento de institucións de beneficencia. O de Lugo atendía un asilo e un hospital sostido con participación da Deputación Provincial en compensación polos servizos que recibían nel os enfermos de fóra do termo municipal, que incumbía atender á provincia. Como a Deputación non se decidía a construír o seu hospital, o alcalde Ángel López Pérez, impulsou a construción do municipal atendendo a unha petición do cóengo Teolindo Gallego.
O proxecto fíxoo o que fora arquitecto municipal entre 1895 e 1896 Luís Bellido González. O lugar escollido para a construción foi fronte á Muralla de El Rei, na Rolda do Miño, un lugar asollado idóneo para desenvolver unhas instalacións seguindo o modelo inglés de pavillóns illados por especialidades en terrazas graduadas.

Na sesión do 21 de xaneiro de 1920 o alcalde xulgando que só a Providencia puido lograr que a capital tivese un hospital, como proba de agradecemento, así como da manifestación ostensible da fe católica que profesaba, propuxo que levase o nome de Santa María de Lugo, dedicándoo nesta forma á Patroa da cidade. Sen sabelo recuperábase o nome medieval que tiña o Mirleo. Na fachada do edificio principal, sobre a porta, hai unha imaxe labrada en granito por Francisco Asorey e para a capela Ángel López Pérez regalou outra tallada en maseira no taller de Mata de Santiago, obra que, como peza histórica, debería recuperar o Concello para o Museo de Historia da Cidade.
Cápsula do tempo e festa
A cerimonia relixiosa e civil de colocación da primeira pedra tivo lugar na mañá do día 9 de abril, estivo presidida pola imaxe de madeira da Virxe dos Ollos Grandes, que terminada trasladouse procesionalmente pola Rolda do Miño á Catedral, o bispo frei Plácido Ángel Rey Lemos oficiou unha misa, bendiciu a pedra e colocouna empregando unha paleta de prata que lle regalou o Concello como recordo do acto. A pedra de granito en cuxo núcleo se meteu a caixa de zinc que garda, entre outras cousas, un pergamiño que fixo Rafael García Sánchez, empregado de Facenda e debuxante, está situada no zócalo da capela e no ángulo que está orientado ao leste que pertence á fachada principal e lateral dereita da mesma, situada á altura de 1,22 m. sobre o nivel da meseta en que está situado o edificio.
Despois houbo un banquete no salón de sesións da Casa do Concello servido polo Hotel Méndez Núñez, ao que asistiron, ademais dos concelleiros, os exalcaldes Ramón Iglesias Camino e Rodrigo de la Peña, autoridades locais, provinciais, o bispo, algún cóengo, representantes de colexios profesionais e entidades, estando entre os deputados a Cortes por Lugo, Luís Rodríguez de Viguri que era o subsecretario da presidencia do Consello de Ministros. Ás cinco da tarde houbo unha festa popular no solar do novo edificio que foi amenizada pola banda de Guntín e á noite amenizaron o paseo na Praza da Constitución, a Banda Municipal e o Orfeón Gallego, lucindo unha fermosa iluminación eléctrica na fachada da Casa do Concello.

O financiamento
Os terreos adquiridos a trece propietarios custaron 45.412,21 pesetas, o arquitecto cobrou polo proxecto 17.501,75 pesetas, o orzamento das obras era de 1.599.088,49 pesetas e dispoñíase de 1.553.212,31 pesetas. Había un déficit de 91.288, 39 pesetas.
O mérito de Ángel López Pérez foi o de conseguir financiar a construción dun hospital que respondese ás esixencias da Ciencia e as necesidades dos usuarios, nunha boa parte a base de donativos, dado que a consignación no orzamento municipal non alcanzaba a cubrir a terceira parte do custo calculado polo arquitecto para a execución dunha obra reclamada con insistencia «por la opinión y que imponen a todo trance elementales razones de Humanidad y amor al prójimo»
Para suplir a carencia de fondos recorreuse a un préstamo de 300.000 pesetas ao Banco de La Coruña, formalizado o 20 de marzo de 1920, unha parte destinada á municipalización do servizo de iluminación pública e o resto destinalo á construción do hospital, pero como non era suficiente para cubrir o seu importe, recorreron aos donativos dos particulares e á venda de bens de propiedade municipal.
Os doantes
En 1918 o alcalde dirixiuse a persoas adiñeiradas e institucións, non só de Lugo senón tamén de América, e pediu ao Concello que como agradecemento da Corporación e do pobo aos doantes, se perpetuase dalgunha maneira o seu nome na fachada do edificio. Así, ao pavillón de Infecciosos déuselle o nome de José González Lenza; os dous pavillóns de Cirurxía Especial recibiron os de Domingo García Moldes e Claudio López; ao de nenos puxéronlle o de Ángel Fernández Gómez, ao que tamén se lle deu o seu nome á praza onde estaba a casa na que viviu e morreu por deixar a súa herdanza ao Concello. Claudio López, un rico indiano residente en Quzaltenango, (República de Guatemala) achegou 16.000 pesetas, e tamén se lle recoñeceu a súa xenerosidade no rueiro. As irmás Leonor e Asunción Estévez, deron 80.000 pesetas para o Pavillón Estévez de Medicina Xeral. Dolores Belón Ventosinos, honrou a memoria da súa defunta curmá Teresa Ventosinos Reboredo, cun donativo de 60.000 pesetas, e Luisa Gayoso, 15.000 pesetas.
Ás achegas de particulares sumáronse as do Casino, Círculo das Artes, Orfeón Galego, a Sociedade de Dependentes de Comercio, Centro Obreiro, Cámara de Comercio, Rexemento de Infantería, Xunta de Caridade; Sociedade Unión Liceo da Habana; Centro Lucense da Habana; o gravador Manuel Castro Gil achegou un cadro para vendelo ou sortealo, ata se entregaron 52 pesetas que sobraron da inscrición para regalarlle un báculo ao bispo.

A construción e o remate das obras, en 1930
A poxa das obras realizouse o 17 de abril de 1920, adxudicándoas ao único ofertante Leandro Madinaveitia, residente en León, na cantidade de 1.599.088,40 pesetas. No mes de setembro os obreiros estaban en folga, levaban cinco semanas sen traballar, por un conflito co contratista polos salarios. O 31 de marzo de 1925 o Concello acordou rescindir o contrato, por un contencioso entre o contratista e o Concello pola revisión dos prezos solicitada en xullo de 1924. Por esta cuestión os traballos estiveron paralizados dous anos coincidindo coa ausencia de López Pérez da alcaldía desde o seu cesamento pola ditadura de primo de Rivera o 4 de outubro de 1923 á súa reposición por pedilo o pobo en manifestación, o 1 de xullo de 1927.
Nun informe datado o 15 de setembro dese ano, o arquitecto propuxo como solución a revisión de prezos que se aplicaría ás obras pendentes de execución, renunciando o contratista a toda indemnización referente ás obras xa executadas. Pensárase en reducir a obra pero opinaba que sería un grave erro, pois o edificio foi proxectado omitindo todo o superfluo, e dando a cada parte as condicións apropiadas para o seu destino, polo cal non servirían para outro fin.
Sendo alcalde Ramón Saavedra Salgado, chegouse a un acordo concedendo a Madinaveitia un prazo improrrogable para rematar as obras de vinte e sete meses a partir do 1 de outubro de 1927, despois déronlle trinta días máis, e o 19 de setembro aprobouse o informe do arquitecto director das obras, declarando que estaban feitas e en condicións de ser recibidas.

En 1929 procedeuse ao equipamento adquirindo un aparello de raios x da casa Siemens a proposta do director do hospital Rafael de Vega Barrera. O mobiliario comprouse á casa de Vicente Caunarit e Hijos, de Valencia. A Casa Alffa, fixo as instalacións de calefacción e auga quente. O 10 de abril de 1930 fíxose a recepción provisional das obras, o 28 de xuño o bispo bendixo todos os pavillóns e a capela, para a que se solicitou que quedase exenta co fin de que non quedara adscrita a ningunha parroquia e se puidese ter nela sagrario, celebrar funcións fúnebres e demais actos, e o 29 de xuño, inaugurouse o hospital coa asistencia do xeneral Dámaso Berenguer, presidente do Consello de Ministros.