Alcoholemias e incumprimento do toque de queda, principais intervencións da Policía de Lugo esta fin de semana

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Imagen de archivo de la Policía Local
Imagen de archivo de la Policía Local óscar cela

Un ciclista deuse á fuga ás tres da madrugada do domingo e foi interceptado no Carril dos Loureiros

19 abr 2021 . Actualizado a las 13:18 h.

Alcoholemias e incumprimento do toque de queda foron as principais intervencións que tiveron que realizar esta fin de semana desde a Policía Local de Lugo

Por unha banda, sobre as 2.10 horas do día 17, preséntase nas dependencias da Policía Local unha condutora que estaciona o seu vehículo en lugar reservado para vehículos policiais. Ao acceder ao interior da Xefatura, o policía de servizo na Oficina de Atención á Cidadanía observa que presenta signos evidentes de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas ou drogas, manifestando que vén dicir algo que non dá explicado con claridade, tal era a embriaguez que presentaba, pois a súa fala era pastosa, deambulando cara adiante, cara atrás e lateralmente de forma constante, rexeitando asistencia médica, segundo explicaron desde a Policía Local.

Por ese motivo, é conducida á Unidade de Atestados do Corpo onde se lle require, como condutora, para realizar as probas de detección alcohólica e test de drogas, á que está obrigada, negándose a iso. Foi informada das consecuencias penais de tal negativa, instruíndose dilixencias por dous delictos contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, un por conducir un turismo baixo a influencia de bebidas alcohólicas, drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, e outro por negarse a someterse ás probas legalmente establecidas para a comprobación das taxas de alcoholemia e a presenza de drogas no organismo.

O vehículo foi retirado polo servizo de guindastre ao depósito municipal, onde queda inmobilizado e a condutora foi proposta para sanción de 500 euros por infracción á Lei de Saúde de Galicia por transitar entre as 23.00 e as 6.00 horas sen causa xustificada.

Como ese día a condutora se negou a recoller a citación para xuízo rápido, os axentes trasládanse ao día seguinte ao seu domicilio, entregándolla e quedando ela ao tanto do contido da citación. Observaron que aínda presenta signos incompatibles coa condución e, como pretendía volver ausentarse conducindo o seu vehículo, procédese novamente á súa retirada polo servizo de guindastre, quedando inmobilizado no Depósito Municipal. Tamén confeccionaron proposta de recoñecemento médico extraordinario á Xefatura Provincial de Tráfico, por se fose conveniente revogar a autorización administrativa que posúe, pois dita persoa non se atopa en condicións de manexar vehículos polas condicións físicas nas que se atopa.

Pola negativa, a condutora enfróntase a unha pena de prisión de seis meses a un ano e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.

Filtros de seguridade viaria

Durante o sábado, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron varios filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano da cidade, detectando ás 2.45 horas un condutor que, despois de ser sometido ás probas de detección alcohólica, lanzou un resultado positivo de 0,38 mg/l, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, procedendo á inmobilización do vehículo.

Así mesmo, levantouse acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, propoñéndose 500 euros de sanción por transitar entre as 23.00 e as 6.00 horas sen causa xustificada.

Ás 23.30 horas do mesmo día, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno dá o «alto» na rúa Milagrosa a un repartidor de comida a domicilio, comprobando que dita persoa carecía de permiso de condución por non obtelo nunca, instruíndose dilixencias como autor dun delicto contra a Seguridade viaria en calidade de investigado, na modalidade de Xuízo Rápido.

Ademais, procédese a instruír dilixencias contra o propietario do vehículo, por cooperador necesario, citándoo tamén como investigado para Xuízo Rápido.

Desobediencia e resistencia a axentes da autoridade

Por outra banda, sobre as 3.10 horas do día 18, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local observa circulando pola Praza da Constitución a un home en bicicleta. Co fin de proceder á súa identificación e comprobar se ten xustificación para quebrantar o toque de queda, danlle o «alto», facendo caso omiso, esquivando aos axentes e dándose á fuga, sendo perseguido e interceptado no Carril dos Loureiros, onde caen ao chan tanto axente como condutor. Procederon á súa detención por presunto delicto de desobediencia e resistencia grave a axentes da autoridade.

Así mesmo, foi requirido para a realización das probas de alcoholemia e drogas, negándose, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros, sendo a bicicleta retirada ao Depósito Municipal, levantándose ademais acta de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia por non respectar o toque de queda, propoñéndose sanción de 500 euros.