21 días «enredando» co galego en institutos de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Presentación da iniciativa cultural no IES Muralla Romana de Lugo
Presentación da iniciativa cultural no IES Muralla Romana de Lugo CEDIDA

Comeza unha nova iniciativa cultural para promover a creación artística a través da lingua

15 abr 2021 . Actualizado a las 11:28 h.

A edil de Cultura, Maite Ferreiro, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, presentaron a iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Ferreiro explicou que buscan «promover o uso do galego entre a mocidade, e a creación literaria e artística a través da lingua». Deste xeito, durante os vindeiros 21 días o estudantado dos centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso; ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. Os participantes entrarán no sorteo de material electrónico, lotes de libros de literatura galega e outros agasallos.

A presentación contou coa actuación musical en directo de Aldaolado e Lois Pérez. A área de Cultura e a AELG organizarán un fin de festa cun intercambio de experiencias dos participantes e actuacións en directo.

Maite Ferreiro explicou que «nos últimos días vimos de coñecer un novo informe do Consello de Europa que alerta sobre a situación do galego entre a mocidade, especialmente no eido do ensino. Desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter esta situación e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade. Agardamos conseguir a colaboración de máis centros nas vindeiras edicións do certame».