Polémica pola marcha do xefe de Servizos Sociais do Concello de Lugo

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Concelleira de Servizos Sociais, Olga López Rocamonde
Concelleira de Servizos Sociais, Olga López Rocamonde ALBERTO LÓPEZ

O PP di que dimitiu mentres que o goberno local sinala que rematou a súa comisión de servizos

12 abr 2021 . Actualizado a las 20:09 h.

O Partido Popular sinalou onte nun comunicado que hai «desbandada de cargos no goberno de Lara Méndez. Primeiro foi o concelleiro de urbanismo quen dimitiu por descontros coa alcaldesa e agora vén de coñecerse a renuncia do xefe de servizos sociais por diferenzas coa concelleira responsable desta área, Olga Racamonde», explicou a edila Macamen López Silva.

 A concelleira popular explica que «o xefe de Servizos Sociais tan só levaba no cargo dende outubro de 2020» lembrando que «en dous anos é o terceiro que renuncia a asumir esta tarefa». Ademais a edil do PP indicou que dentro desta área xa se levan producido outras moitas baixas como as que tiveron lugar durante a pandemia en alusión «á titular da xefatura de servizo, de sección e a da adxunta á xefatura». agora ocupadas de forma provisional.

 Os populares achacan esta situación «á falta de diálogo e ás continuas desavenencias de Racamonde co persoal do servizo» e temen que esta falta de talante provoque, no peor momento posible, problemas de operatividade «que poderían repercutir en retrasos de citas de asuntos que deberían responderse de forma inmediata».

Pola súa parte, desde o goberno local lembráronlle ao PP que «non foi presentada ningunha dimisión, senón que a persoa que desempeñaba o cargo ocupaba o posto en Comisión de Servizo por unha duración de seis meses - que conclúen o vindeiro día 15 de abril - como así estaba delimitado, temporalmente, no momento do seu nomeamento segundo o procedemento que se levou a cabo. Unha Comisión que a Administración local volverá convocar de xeito inmediato para proceder á súa cobertura».