Comeza a construción do Skate Park que terá Lugo xunto ao centro comercial As Termas

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Visita da alcaldesa de Lugo ao lugar onde comezaron as obras
Visita da alcaldesa de Lugo ao lugar onde comezaron as obras CEDIDA

Serán case 900 metros cadrados de pistas e estarán operativas a partir de xullo

12 abr 2021 . Actualizado a las 19:51 h.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Deportes, Miguel Fernández, supervisaron o inicio dos traballos de construción do novo Skate Park co que o goberno local quere ampliar a oferta deportiva municipal.

Trátase dunha pista de 887 metros cadrados, na que o Concello investirá 215.077 euros e que estará localizada na zona pública existente ao carón do centro comercial As Termas, entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo. 

A alcaldesa explicou que «para o seu deseño foron tidas en conta as aportacións que os colectivos locais lle fixeron chegar ao responsable de Deportes, indicando as súas propostas e preferencias para, na medida do posible, poder incorporalas ao proxecto», ao tempo que sinalou a vontade do goberno local de proceder á súa apertura no mes de xullo, tendo en conta que o prazo de execución da mesma é de 16 semanas. 

Visita da alcaldesa de Lugo ao lugar onde comezaron as obras
Visita da alcaldesa de Lugo ao lugar onde comezaron as obras

Lara Méndez salientou que «se trata dunhas instalacións moi completas que servirán para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre ambos espazos que lle aportará gran flexibilidade e que completarán a polivalencia da contorna que xa dispón de canchas de baloncesto e fútbol así como de varios parques infantís». 

Así, a alcaldesa, Lara Méndez, sinalou que «todos os elementos do recinto estarán integrados nun espazo único e completo que permitirá aproveitalo no seu conxunto, con liñas de patinaxe para todos os gustos e apto tanto para debutantes como para usuarias e usuarios expertos».

Aparcabicicletas

Durante a visita realizada á zona, a rexedora indicou igualmente que este novo equipamento municipal estará rodeado por camiños pavimentados peonís nos que tamén se habilitarán aparcabicis preto dos accesos, «dentro do modelo de mobilidade sostible que defendemos dende o executivo local».

Lara Méndez lembrou que a empresa Roig I Fills Associats é a adxudicataria da obra que tamén se encargará da conservación da pista durante os cinco anos de garantía acordados nos pregos de contratación, «para velar polo seu axeitado mantemento», concluíu a alcaldesa.