Premios ao talento artístico lucense

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Maite Ferreiro, Xurxo Morales, Diego As e Rubén Arroxo, na recepción no Concello.
Maite Ferreiro, Xurxo Morales, Diego As e Rubén Arroxo, na recepción no Concello. CEDIDA

O saxofonista Xurxo Morales e o muralista Diego As foron recibidos no Concello tras acadar galardóns nacionais e internacionais

10 abr 2021 . Actualizado a las 14:38 h.

Dous artistas lucenses foron premiados recentemente polo seu talento: o saxofonista Xurxo Morales e o muralista Diego As. Dende entón, as felicitacións non paran de chegar desde distintos ámbitos. Desde o propio Concello de Lugo organizaron unha recepción aos lucenses polos seus galardóns nacionais e internacionais. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacaron que o traballo destes profesionais serve tamén para promocionar a gran capacidade artística coa que conta Lugo.

Xurxo Morales recibiu o terceiro premio de saxofón nas Xornadas Internacionais de Saxofón que se celebran anualmente en Andorra, baixo a tutela de figuras prestixiosas do saxofón clásico, como Claude Delangle, Alain Crepin, Vicent David, Mariano García ou Nikita Zimim. Morales obtivo o terceiro premio na súa primeira participación no certame, sendo o saxofonista lucense o único participante que representou ao estado español. Ferreiro destacou que «Xurxo Morales recibiu formación na Escola Municipal de Música, unha instalación que desde a área de Cultura estamos a traballar en mellorar e promocionar, facilitando que aparezan novos valores no eido cultural lucense».

Pola súa banda, o muralista Diego As vén de ser proclamado campión estatal de grafiti na competición organizada pola Liga Nacional de Grafitti, coa realización do mural New Virus Like que, segundo o autor, foi pensado para a xuventude que está perdida.

Tamén desde o Concello de Burela se sumaron ás felicitacións ao grafiteiro lucense. José Díaz, concelleiro de Cultura, lembrou que a localidade conta con dúas obras de Diego As, trala súa participación, dúas veces, con premio, no Certame Internacional Amarte. «Tiene muchísimo talento. Aquí lo demostró en los años que vino y supongo que seguiremos contando con él en otras ocasiones», afirmou.