«Atopémonos bailando» reactiva a danza en Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Esther Latorre e Hugo Pereira, de Colectivo Glovo, coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro
Esther Latorre e Hugo Pereira, de Colectivo Glovo, coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro CEDIDA

O martes 13 comeza un novo programa cultural no Gustavo Freire

09 abr 2021 . Actualizado a las 12:20 h.

Do 13 ao 17 • Lugo • 

Unha nova programación cultural vén reactivar a danza na cidade. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou, xunto con integrantes do Colectivo Glovo, o ciclo Atopémonos Bailando, co que se amplía a programación do Auditorio Municipal Gustavo Freire entre os días 13 e 17. «Atopémonos bailando» é un proxecto de reactivación de espectáculos de danza impulsado polo Colectivo Glovo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, apoiado pola Área de Cultura do Concello de Lugo e subvencionado pola Agadic a través da Xunta.

«Este ciclo reunirá a compañías emerxentes da danza contemporánea galega e lucense, ás que se unirán a investigadora Sabela Mendoza e a xornalista Nieves Neira», explicou Ferreiro. Entre as compañías convocadas atópanse Alejandra Balboa, Cía Exire (Alba Fernández Cotelo e Estefanía Gómez), Fran Martínez, Diego Buceta e Cris Vilariño. Maite Ferreiro afirmou que o programa «é un encontro do público coa creación a través dunha programación de pezas curtas de danza acompañada de obradoiros para achegar este tipo de espectáculos á veciñanza». «Atopémonos bailando» acolleu xa unha residencia de reactivación do espectáculo Mapa de Colectivo Glovo para unha posta a punto ante a xira do 2021 do espectáculo, que foi seleccionado no circuíto nacional Danza A Escena.

Programa de obradoiros:

· Martes 13. 17.30-19.30h. Con Cris Vilariño en Escola Palimoco. De 9 a 12 anos.

· Día 16. 12.00-14.00h (streaming). Fran Martínez, no Conservatorio de Danza. Para alumnado do Conservatorio.

· Día 17. 10.00-11.30h. Alejandra Balboa no MIHL. Todos os públicos.

· Día 17. 12.00-13.30h. Cía Exire no MIHL. Estudantes de danza de todas as idades.

· Día 17. 16.00-17.30h. Diego M. Buceta+Atenea García no MIHL. Para todos os públicos sobre identidade de xénero.

Programa de funcións:

· Día 16. 20.00h. Funcións de Alejandra Balboa, Cía Exire e Diego M. Buceta. Auditorio Municipal Gustavo Freire.

· Día 17. 20.00h. Cris Vilariño, Colectivo Glovo e Fran Martínez. Gustavo Freire.

Colectivo Glovo

Colectivo Glovo naceu no 2016 baixo a dirección de Esther Latorre (España) e Hugo Pereira (Portugal), xerando así un espazo de creación onde ambos, intérpretes e coreógrafos, desenvolven conxuntamente a súa faceta máis imaxinativa.

Residentes en Galicia dende 2019, traballan na creación da escena tanto para teatros coma espazos non convencionais, xa que un dos seus principais obxectivos coma compañía é aumentar as dimensións do alcance das dinámicas do corpo. Glovo admite a súa paixón pola linguaxe do movemento e persegue a investigación das novas expresións escénicas partindo do propio corpo sen límites establecidos. Ademais, e paralela a esta faceta creativa, buscan aportar semente ao tecido artístico presente na comunidade, xerando espazos de colaboración con outras agrupacións e artistas, procurando o achegamento entre o maior número de creadores, intérpretes e mentes-corpo inquedas.

Dende a súa fundación no 2016, Colectivo Glovo percorreu diferentes países coma España, Portugal, Italia ou México, entre outros. Coa súa primeira peza, Mapa, recibiu mencións en festivais coma Corto In Danza (Italia), La Espiral Contemporánea (Santander), así como o premio do público no Certame Coreográfico Internacional de Solos e Dúos Sólidos En Danza (Ourense) ou o Primeiro Premio no Certame Coreográfico Internacional de Burgos & New York ? Bailando con Piedras. Formou parte do circuíto Red Acieloabierto 2020 e dende 2018 colabora coa firma de moda Adolfo Domínguez (Premio Nacional de Deseño de Moda 2019).