Carola Carrot, restauradora: «O cal está volvendo aos muros porque é máis ecolóxico»

Tres artistas elaboran en Lugo ata o domingo un gran mural coa técnica tradicional do esgrafiado, nunha fachada do Centrad

Carola Carrot traballará ata o domingo no mural esgrafiado do Centrad
Carola Carrot traballará ata o domingo no mural esgrafiado do Centrad

Lugo / La Voz

A restauradora Carola Carrot (Valladolid, 1986), galega de adopción, coordina a elaboración do mural esgrafiado que lucirá na entrada do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (Centrad). Xunto a outros dous artistas -Paloma e Marcos-, esta especialista en esgrafiado, arqueoloxía, patrimonio inmoble e paisaxe traballará ata o domingo para restaurar e embelecer o muro de formigón fronte á porta de entrada do Centrad. As persoas interesadas pódense achegar esta semana ata o recinto para seguir a evolución dos traballos realizados pola artista, que leva case unha década empregando esta técnica de revestimento tradicional e artesá.

-En que consiste o traballo que están realizando?

-Desde o punto de vista conceptual, o mural vai ter motivos relacionados e vinculados á colección de instrumentos do Centrad e ao propio centro de artesanía. Dende o punto de vista da técnica, o esgrafiado, é un traballo artesanal que consiste na superposición de capas de morteiro de cal, con diferentes tons e motivos que nós mesmos deseñamos; despois vanse retirando superficies de maneira que quedan á vista as inferiores, dando lugar a un mural en relevo e con contraste de texturas e tons, a modo de baixorrelevo. Esta técnica non só se usa con cal, senón tamén con outros materiais, como cerámica.

Segundo día de traballo no mural do Centrad
Segundo día de traballo no mural do Centrad

-O esgrafiado é unha técnica tradicional de Lugo?

-Si, e isto é moi interesante porque na zona de Lugo contamos con vestixios de moitos esgrafiados tradicionais en muros, vivendas, igrexas, pazos, hórreos, palleiras, muíños... No mural que estamos facendo no Centrad imos combinar dúas variantes do esgrafiado. Por un lado, o máis ortodoxo, que se usa moito en Castela, pero tamén en países como Italia, e, por outro, o lucense, do que temos moitos exemplos na zona sur, como Chantada ou Taboada; neste caso, trátase de técnicas máis libres, a man alzada.

-Dende cando se usa esta técnica?

-Non hai unha data concreta, porque o cal xa o usaban os romanos, pero no século XVIII e XIX tivo moito auxe. En Galicia temos moitos exemplos en casas de revestimentos de cal, que en realidade eran funcionais, pero que deixan ver tamén a creatividade dos albaneis. Agora parécenos que deixar a pedra á vista nas construcións é máis enxebre, pero a realidade é que os muros de pedra en Galicia estaban moitas veces revestidos de cal; funcionaba como protección fronte á humidade, e tamén ten propiedades antisépticas. Dende o punto de vista estético, esta técnica envellece mellor ca outras, as cores van saíndo co paso do tempo.

-Está medrando o interese por este tipo de murais?

-O cal está volvendo aos muros porque é máis ecolóxico ca o cemento, por exemplo, o escombro que xera é reutilizable e estase recuperando polas características do propio material, porque a xente busca que as súas casas sexan máis sas. Tamén medra o interese polos murais, desde hai tempo, e por conservar e pór en valor estas decoracións. No meu caso, interésame recuperar o traballo artesán e creativo da xente da construción, pero tamén o propio material.

A artesanía celebra seis días de festa en Lugo

Laura López
Carmen Fieiras, Efrén Castro e Idoia Cuesta, na presentación
Carmen Fieiras, Efrén Castro e Idoia Cuesta, na presentación

O Centrad visibiliza o traballo artesán con obradoiros, exposicións e ata a elaboración dun mural en directo con motivo dos Días Europeos da Artesanía, do 6 ao 11

A festa da artesanía visibilizará e achegará o traballo dos artesáns galegos ao público grazas á programación cultural e lúdica que organiza o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (Centrad), que se suma así á celebración dos Días Europeos da Artesanía, entre os días 6 e 11 de abril. Obradoiros, exposicións e ata un mural en directo dan forma a unha programación pensada para desenvolverse, principalmente, ao aire libre.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que se trata cun programa que facilita que a cidadanía «se interese por técnicas tradicionais que se manteñen con usos e funcións adaptadas á sociedade actual». No caso do mural de esgrafiado na porta do Centrad, Castro subliñou que «é unha intervención que permanecerá, dando máis visibilidade ao Centrad e contribuíndo á humanización da cidade». Ademais, repasou, «facilitarase o acceso á Colección de Instrumentos do Centrad, unha das mostras máis importantes de Europa no que ten que ver coa música medieval». Nese sentido, indicou que as programacións organizadas polos Días da Artesanía acadan, grazas á rede europea, unha difusión importante dentro e fóra do sector e contribúen a situar a artesanía lucense e galega no contexto internacional.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Carola Carrot, restauradora: «O cal está volvendo aos muros porque é máis ecolóxico»