Diego As, artista de Lugo: «O grafiti está en auxe en Galicia»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O muralista disputará este sábado o título nacional das «Graffiti Battles», pintando unha obra en directo

31 mar 2021 . Actualizado a las 14:12 h.

O artista lucense Diego Anido, máis coñecido como Diego AS, de 32 anos, loitará este sábado por facerse co título estatal das «Graffiti Battles», un concurso organizado pola Liga Nacional de Graffiti. O muralista de Lugo chega á final, tras superar numerosas eliminatorias, e enfrontarase a Nexgraff, do País Vasco. Miles de persoas poderán seguir a proba por Twich mentres os dous participantes realizan os murais en directo, no caso de Diego AS, desde Lugo. O público poderá votar por Instagram, pero tamén se someterá a obra á valoración dun xurado profesional, que prestará especial atención á técnica e á orixinalidade. A cidade poderá situarse así, esta fin de semana, no cume do grafiti nacional.

A elaboración dun mural en directo xa foi o formato co que Diego AS gañou a semifinal hai uns días, cunha pintura na Rúa Vía Láctea, dunhas dimensións de 6x2,5 metros, e sete horas de confección. Unha xornada de creación con moito traballo detrás, tanto para a creación do motivo, bosquexo, elección de técnicas... pero tamén dunha chea de experiencia ás súas costas. Diego AS leva quince anos pintando, e unha década dedicado profesionalmente aos grafitis, facendo da súa paixón o seu oficio.

Predilección polo realismo

Este artista matiza que o seu é o muralismo, e as súas obras locen en moitas fachadas de Lugo (Infanta Elena, Paradai, Castiñeiro, estación do tren...), pero tamén noutros lugares de dentro e fóra de Galicia. A súa preferencia é o realismo, e a súa inspiración, o día a día: «A veces a obra vai fluíndo, pero normalmente vou coa idea elaborada, fago un bosquexo, logo no ordenador, e despois trasládoo á fachada», explica.

As encargas chegan tanto desde particulares, como de empresas ou da propia administración. «É posible vivir dos grafitis; ademais, en Galicia está en auxe e hai bastante calidade», apunta. Para a formación, porén, non hai titulación específica, polo que cómpre ser autodidacta.