Unha década dando voz á mocidade de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Ana González Abelleira e Lara Méndez presentaron o programa de actividades da Casa da Xuventude
Ana González Abelleira e Lara Méndez presentaron o programa de actividades da Casa da Xuventude CEDIDA

A Casa da Xuventude celebra o seu décimo aniversario con exposicións, rutas, faladoiros, música, literatura e xogos

31 mar 2021 . Actualizado a las 12:38 h.

Días 9, 10 e 11 • Lugo •

A Casa da Xuventude de Lugo cumpre o día 9 unha década de vida. Desde a súa apertura, as instalacións convertéronse nas dependencias de referencia para o desenvolvemento de actividades alternativas para a mocidade máis activa de Lugo, de idades comprendidas entre os 14 e 35 anos. Para conmemorar esa data, o Concello, a través da área de Xuventude, que dirixe Ana González Abelleira, desenvolverá unha extensa programación coa que se lle quere dar voz a esa mocidade, «que ten moito que dicir sobre a cidade e a sociedade que construímos entre todos», sostivo a alcaldesa, Lara Méndez.

A rexedora destacou «a importante labor desenvolvida por todas as persoas que estiveron á fronte dela todos estes anos, traballo que obriga a estar evolucionando de xeito continuo para chegar á mocidade a través de novas accións e novas tecnoloxías, e incluso de novas linguaxes, porque non son as mesmas inquietudes nin as mesmas necesidades as que teñen agora que as que tiñan hai dez anos».

A programación do décimo aniversario terá lugar na fin de semana do 9, 10 e 11 de abril. Ana Abelleira sinalou que debido as restricións sanitarias, «non realizaremos actividades multitudinarias, como quixésemos, pero faremos un esforzo importante con pequenas accións presenciais e moitas actividades on line, estando moi presentes tamén nas redes sociais».

Venres 9

O aniversario arrincará ás 18.00 horas cun acto institucional e co xornalista Baruk Domínguez como mestre de cerimonias. Montarase un photocall para a ocasión e descubrirase un novo grafiti na fachada da Casa da Xuventude, que será a súa nova imaxe. Ademais, a escola de danza Gravitty Lugo apoiará a gravación dun baile a través de Tik Tok.

Ás 19.00 horas inaugurarase a exposición da fotógrafa Adra Pallón. Baixo o título A crise industrial, a mostra recolle unha reportaxe sobre a loita dos e das traballadoras en Galicia, destacando a reivindicación de Alcoa por manter os seus postos de traballo.

Ás 19.30 horas presentarase o Dicionario galego para boomers, elaborado polo alumando de primeiro da ESO do IES Leiras Pulpeiro. Os creadores, que recollen neste traballo definicións de conceptos empregados no día a día polas mozas e mozos, serán os encargados de presentar a iniciativa xunto coas súas mestras, e prometen algunha sorpresa.

Este primeiro día de celebración tamén contempla un Escape Room de misterio no interior da Casa da Xuventude. Esta actividade estenderase ata o día 17, de luns a venres de 17.00 a 18.00 e de 19.00 a 20.00, así como os sábados de 11.00 a 12.00 e de 13.00 a 14.00 h en quenda de mañá, e de 17.00 a 18.00 e de 19.00 a 20.00 horas pola tarde. As inscricións poden realizarse xa a través da web xuventudelugo.gal. Os grupos serán de máximo 4 persoas por hora.

Sábado 10

Ás 11.00 horas, Julen Bollain presentará en liña o libro Hoy es mañana, un ensaio para a mocidade, no que participan 10 mozas e mozos profesionais de distintas materias e que aborda a necesidade de repensar o futuro e decidir de forma colectiva o mundo postpandemia que se desexa. O enlace para a videoconferencia publicarase nas redes sociais oficiais de Xuventude de Lugo.

Ás 12.00 horas comezará unha ruta sobre a Arte Urbana en Lugo, da man do guía Guido Álvarez. O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude e é preciso inscribirse en xuventudelugo.gal. O número de participantes determinarase seguindo as indicacións sanitarias.

Pola tarde, dende as 17.00 horas, o protagonista será o rap co obxecto de promover o talento musical da mocidade luguesa neste xénero.

Domingo 11

Ás 11.00 horas presentarase on-line o libro Tú no eres tu selfie: 9 secretos digitales que todo el mundo vive y nadie explica, de Liliana Arroyo.

Ás 12.00 horas, a mocidade poderá participar na ruta «O Lugo da Xuventude», dirixida por Guido Álvarez. As inscricións pódense realizar en xuventudelugo.gal

Pola tarde, o Concello programou Faladoiros de Xuventude Activa, a partir das 17.00 horas, onde se quere dar voz á mocidade e as súas inquietudes.

Neles participarán Ruben Hamade Longarela e Gael Zarza Arias, de Gravitty Lugo; Nacho Ozores Mosquera, director e editor, que presenta o seu corto Mentras isto pasa, nominado aos Mestre Mateo; Cintia Folgueira Cobos, investigadora postdoctoral no Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); Paula Rodríguez Villamayor, premio Talento Mozo de Galicia, na modalidade de Rural; Héctor Castiñeira, coñecido como Enfermera Saturada; Diego AS, grafiteiro lucense, semifinalista da Liga Nacional de Graffiti; Talía Rodríguez, gañadora do premio #LugoEnIgualdade; Mº Isabel Casanova, a protagonista do vídeo premiado; e alumnado de ESO do IES Ánxel Fole, gañadores dun premio do certame #LugoEnIgualdade.

O broche de ouro porao o grupo de indie-rock Forget La France. A entrada, salvo para determinadas actividades, é libre e gratuíta ata completar o aforo, que poderá variar segundo as restricións sanitarias do momento.

Maratón fotográfico en Instagram

Xuventude convoca un maratón fotográfico para premiar a creatividade e técnica da mocidade. Poden presentarse persoas de 14 a 35 anos, empadroados no Concello de Lugo, ou que traballen ou estuden no municipio, que teñan unha conta de Instagram pública. Tamén deberán seguir a conta de Xuventude en Instagram: @XUVENTUDE_LUGO. Os menores de 18 anos precisarán permiso dos pais, nais ou titores/as.

As imaxes deberán realizarse durante a celebración das distintas actividades que compoñen a programación do aniversario. Estas fotografías non poden ser retocadas nin manipuladas en ningún dispositivo externo á cámara ou dispositivo móbil coa que se realice. Cada persoa participante deberá subir ao Instagram unha única fotografía co cancelo #XuventudeActiva. Deberase mencionar no título a @XUVENTUDE_LUGO.

Os interesados deberán realizar a inscrición en www.xuventudelugo.gal ata o día anterior ao inicio do maratón.

O xurado estará composto por profesionais do sector da fotografía, que premiarán a creatividade, a orixinalidade e a calidade fotográfica. A selección das fotografías gañadoras será decisión absoluta do xurado e o seu veredicto, definitivo.

Establécese un único premio dunha fin de semana para dúas persoas nas Cabanas da Chousa, no Veral (Lugo).