A artesanía celebra seis días de festa en Lugo

O Centrad visibiliza o traballo artesán con obradoiros, exposicións e ata a elaboración dun mural en directo con motivo dos Días Europeos da Artesanía, do 6 ao 11

Carmen Fieiras, Efrén Castro e Idoia Cuesta, na presentación
Carmen Fieiras, Efrén Castro e Idoia Cuesta, na presentación

Lugo / La Voz

A festa da artesanía visibilizará e achegará o traballo dos artesáns galegos ao público grazas á programación cultural e lúdica que organiza o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo (Centrad), que se suma así á celebración dos Días Europeos da Artesanía, entre os días 6 e 11 de abril. Obradoiros, exposicións e ata un mural en directo dan forma a unha programación pensada para desenvolverse, principalmente, ao aire libre.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que se trata cun programa que facilita que a cidadanía «se interese por técnicas tradicionais que se manteñen con usos e funcións adaptadas á sociedade actual». No caso do mural de esgrafiado na porta do Centrad, Castro subliñou que «é unha intervención que permanecerá, dando máis visibilidade ao Centrad e contribuíndo á humanización da cidade». Ademais, repasou, «facilitarase o acceso á Colección de Instrumentos do Centrad, unha das mostras máis importantes de Europa no que ten que ver coa música medieval». Nese sentido, indicou que as programacións organizadas polos Días da Artesanía acadan, grazas á rede europea, unha difusión importante dentro e fóra do sector e contribúen a situar a artesanía lucense e galega no contexto internacional.

Elaboración dun mural

O obradoiro de esgrafiado de cal, unha técnica artesanal de revestimento de paredes moi habitual en construcións tradicionais en Lugo e Ourense, consistirá na elaboración dun mural conmemorativo con esta técnica, nun muro a carón da porta principal do Centrad. Os interesados poden achegarse a seguir a evolución do traballo, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

Carola Carrot, especialista neste tipo de intervencións, dirixirá a elaboración do mural, no que colaborarán catro persoas máis, previamente seleccionadas. As interesadas deberán solicitalo en info.centrad@deputacionlugo.org, antes do día 2.

O esgrafiado consiste na superposición de capas de morteiro de cal con distintas cargas de árido ou tinguidas para, posteriormente, recortar as superficies de maneira que quedan á vista as inferiores, dando lugar a un mural en relevo e con contraste de texturas e tons. O cal serve de protección, ten propiedades antisépticas e antimicrobianas. Ademais, disimula fábricas deterioradas, imita arquitecturas sofisticadas, achégalles luminosidade ás fachadas e ten moitas posibilidades ornamentais, ademais do carácter simbólico e de identidade.

Cursos no Paseo do Rato

No Taller de Cestería no Paseo do Río Rato celebraranse varios obradoiros:

· Martes 6. Restauración de celosías de vimbio vivo, con Lola Tourón. De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

· Mércores 7. Iniciación á cestería de medula, con Carmen Fieiras. De 11.00 a 14.00 ou de 16.00 a 19.00.

· Xoves 8. Estruturas xeométricas coa técnica niño, con Lola Tourón. De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.

· Venres 9. Bandexa de vimbio, Idoia Cuesta. De 11.00 a 14.00 ou de 16.00 a 19.00.

· Sábado 10. Bandexa de medula de nó celta, con Carmen Fieiras. De 11.00 a 14.00 ou de 16.00 a 19.00 horas.

· Domingo 11. Iniciación á cestería de varas, con Carmen Fieiras. De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

Os obradoiros están pensados para ofrecerlle ao público en xeral un primeiro achegamento ao oficio a través de técnicas sinxelas e resultados accesibles. Para participar presentarase unha única solicitude por persoa, a través de info.centrad@deputacionlugo.org, ata o día 2.

Tradición cesteira

Lugo conta cunha importante tradición de cestería orixinaria do mundo rural que, coa chegada da revolución industrial, foi caendo en desuso pero que, a día de hoxe, impulsada por unha sociedade máis consciente e respectuosa coa contorna, está a experimentar un rexurdimento da man de cesteiras profesionais que souberon adaptarse aos novos tempos dando resposta ás necesidades das persoas, tanto a nivel utilitario como experiencial. É o caso das tres profesionais que impartirán os talleres: Lola Tourón, con ampla experiencia no traballo con vimbio vivo; Carmen Fieiras, dunha longa traxectoria profesional e docente, e con taller inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía; e Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía e internacionalmente coñecida polo traballo con grandes deseñadores e as incursións na moda, arquitectura e decoración.

Instrumentos Musicais

Coincidindo cos Días Europeos, o Centrad facilita as visitas á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros. Así, amplíase o horario de acceso á exposición, que será de 10.00 a 20.00 horas os días 6,7,8 e 9 de abril, e de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 os días 10 e 11. Ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas ofreceranse visitas guiadas. Non será necesaria cita previa.

A Colección contén fondos da antiga sección de música do Museo Provincial, de produción propia froito de proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Complétase con importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo dos seus 70 anos de historia. Hai instrumentos de música, do patrimonio musical galego e numerosos exemplares doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

Días Europeos Artesanía

Con estas propostas, o Centro de Artesanía de Deseño súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía, que ten a súa orixe en Les Journées Européennes des Métiers d’Art que organiza en Francia o Institut National des Métiers d’Art (INMA) desde o 2002, e que este ano se celebra de forma simultánea en 20 países. O obxectivo é achegar o traballo artesán ao público, para difundir a súa riqueza e singularidade.

Idoia Cuesta, artesá de Outeiro de Rei: «A artesanía é un percorrido a longo prazo»

Laura López
Idoia Cuesta cultiva o vimbio que emprega para realizar as pezas de cestería
Idoia Cuesta cultiva o vimbio que emprega para realizar as pezas de cestería

As súas creacións pódense atopar nos escaparates de marcas de luxo ou sobre as pasarelas de moda

Chegou a Galicia para preparar unha tese de bioloxía mariña a principios dos noventa, pero atopouse co Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo e cambioulle a vida. Idoia Cuesta, natural de San Sebastián, formouse entón no sector téxtil, en teares de alto e baixo lizo, pero un curso de cestería foi o detonante para que cambiase o seu rumbo profesional e vital para converterse en cesteira: «Dinme conta de que non podía facer cestos tradicionais porque non estaba moi valorado» e porque xa había paisanos que os facían. Así que optou pola cestería contemporánea, na que conflúen o téxtil coa cestería, e na que combina o clásico vimbio -que ela mesa cultiva na súa finca de Outeiro de Rei, onde instalou o seu obradoiro-, coa la, a pel, a rafia, a corda, a madeira ou outras fibras vexetais.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A artesanía celebra seis días de festa en Lugo