Un xoguete-triciclo e un reloxo de sol amplían os fondos do Museo Provincial

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Xoguete-triciclo cedido ao Museo Provincial de Lugo
Xoguete-triciclo cedido ao Museo Provincial de Lugo CEDIDA

Os herdeiros do investigador fonsagradino José Luis Basanta cederon as pezas, de 1930 e 1953

25 mar 2021 . Actualizado a las 12:23 h.

O Museo Provincial de Lugo ampliou os seus fondos co ingreso de dúas pezas cedidas polos herdeiros do investigador e académico José Luis Basanta Campos. Trátase dun xoguete-triciclo con cabalo de madeira, estrutura metálica e asento de vimbio, de 1930, e un reloxo de sol vertical ortomeridiano realizado en lousa con motivos decorativos e inscrición, datado en 1953.

José Luis Basanta Campos, nado na Fonsagrada e de familia chairega, doou no ano 2010 unha colección de obxectos que abranguen varias tipoloxías de xoguetes datados entre o século XIX e mediados do século XX. O Museo lucense fixera daquela unha exposición temporal para amosar este legado que logo sería ampliado, incrementando a colección de Etnografía e Artes Decorativas.

A colección de xoguetes consta de corenta pezas que abranguen tipoloxías de xoguetes tan dispares como medios de transporte, instrumentos musicais, aparellos de cine (un zoótropo ou un Ombro Cinéma), xogos de construción, de taboleiro, ou pezas tan curiosas como as miniaturas de chumbo relixiosas para «dicir misa», á que agora se une o triciclo con cabalo de madeira.

O outro ben cultural ingresado complementará a colección de reloxos de sol do Museo Provincial de Lugo, que se atopa exposta acotío no claustro.

José Luis Basanta, no refectorio do Museo no 2010
José Luis Basanta, no refectorio do Museo no 2010

A directora do Museo, Aurelia Balseiro, sinalou que «o agradecemento institucional a José Luis Basanta faise extensivo aos seus fillos, que son quen agora doan estas pezas en nome de seu pai falecido, e tamén lembramos a todas as persoas que desde a creación do Museo Provincial de Lugo en 1932 levan contribuído xenerosamente ao incremento das coleccións».