Lugo en feminino: unha historia de espías, artistas e mulleres valentes

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Un instante de la ruta en la Praza de Santa María
Un instante de la ruta en la Praza de Santa María Óscar Cela

Os sábados de marzo é posible somerxerse na vida de mulleres relacionadas coa cidade, da man das rutas guiadas por Igualdade

21 mar 2021 . Actualizado a las 13:46 h.

Escritoras, meigas, pintoras, artistas. Todas en feminino, e todas relacionadas coa cidade amurallada. Esa é a proposta que as rutas Lugo en feminino ofrecen durante os sábados do mes de marzo. Trátase de visitas guiadas gratuítas impulsadas pola concellería de Muller, que dirixe Ana González Abelleira, que pretenden dar a coñecer un anaco da vida de diversas mulleres que, por un motivo ou outro, destacaron. «Son mulleres que deixaron pegada e transformaron a sociedade», resume a guía Lidia de la Fuente.

A viaxe no tempo e no espazo á que convida a ruta comeza na Praza Maior, a carón da escultura que honra a Rosalía de Castro. A poetisa é a escusa perfecta para traer á memoria a Xela Arias, a autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021. Unha muller que naceu en Lugo pero que estivo vinculada a Sarria e a Vigo.

Con Arias, a súa visión do mundo e algún dos seus poemas, comeza unha ruta (limitada a 8 persoas, polo covid) que ten na Praza de San Marcos a súa seguinte parada. Foi alí, no número 23, onde naceu no ano 1906 a pintora Julia Minguillón. Con datos e anécdotas, Lidia de la Fuente debulla a súa figura. Dende os seus anos como estudante interna en Burgos e as burlas que sufría polo seu acento galego (un sentimento que deu pé a debuxos das rapazas que a insultaban) ao retrato de Cascarilla feito nunha saba que hoxe se conserva no Museo Provincial.

La ruta se detiene ante la casa de Araceli González
La ruta se detiene ante la casa de Araceli González Óscar Cela

Se a figura de Minguillón é atraínte, a de Araceli González non queda atrás. Nun dos edificios que dá á Praza da Soidade viviu no século pasado Araceli, a lucense nada en Coeses que exerceu como axente dobre durante a Segunda Guerra Mundial. O relato da súa existencia é fascinante. Estivo casada co famoso espía Garbo, e aínda que ela xamais admitiu que espiara nin para os aliados nin para os nazis, moitos coinciden en que o seu papel foi fundamental. «Foron decisivos na campaña de desinformación que permitiu o desembarco de Normandía», lembra Lidia.

A historia de Araceli fascina. Pola súa intelixencia, pola súa valentía, e mesmo polas súas anécdotas, como as que lembran o seu xeito de vestir rechamante que atraía miradas no San Froilán.

Manuela Barreiro, nada en Viveiro e que foi a primeira galega licenciada en Farmacia, tamén aparece no relato do Lugo en feminino. Ela foi unha das mulleres que abriu camiño nun mundo no que, só por ter tal xénero, tiña que levar testemuñas aos exames para certificar que ela era a que respondía as preguntas.

Máis atrás queda a vida de Lucía Fidalgo, unha muller que no século XVII foi condenada ao desterro acusada de bruxería. Un veciño asegurou que lle botara un meigallo aos seus porcos, e iso bastou para esnaquizarlle a vida.

Tamén xurde no percorrido a figura de Enriqueta Otero, unha mestra nada en Castroverde, afiliada ao Partido Comunista, guerrilleira e que foi torturada e encadeada durante 19 anos.