O novo auditorio de Lugo levará o nome de Fuxan os Ventos

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Concerto de Fuxan os ventos no San Froilán do 2009
Concerto de Fuxan os ventos no San Froilán do 2009 PRADERO

A concelleira de Cultura anunciouno esta mañá en comisión

18 mar 2021 . Actualizado a las 15:14 h.

O novo auditorio de Lugo levará o nome de Fuxan os Ventos. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, na comisión da área. «Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nos últimos anos, e no vindeiro ano 2022 cumpriranse 50 anos desde a súa formación no 1972», destacou a concelleira. Ferreiro explicou que dende a área de Cultura do Concello «quixemos lembrar esta data, dándolle tamén ao novo auditorio un especial significado de apoio ás agrupacións culturais galegas e lucenses». 

O novo auditorio de Lugo é unha materia pendente dende hai máis dunha década. O pasado mes de xuño, tras anos de obras e debates entre as administracions, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia asinaron a entrega do inmoble, que sen embargo aínda non puido entrar en funcionamento. Segundo explicou o goberno de Lara Méndez, será necesario invertir arredor de 300.000 euros para poñer en marcha a nova instalación, posto que será preciso facer algunhas melloras e reparacións.

O novo auditorio de Lugo
O novo auditorio de Lugo ALBERTO LÓPEZ

Polo de agora non hai data para que comece a funcionar. A oposición criticou que non haxa programación para o novo auditorio prevista neste ano 2021, e dende o Concello defenden que primeiro hai que poñer en marcha as melloras e en canto estea dispoñible activarase unha programación axeitada. 

Fuxan os Ventos é unha formación nada en Lugo no 1972 e que ao longo dos anos publicou ata nove traballos discográficos. 

O PP critica falta de consenso

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, cargou polo que considera o «rodillo» do BNG á hora de bautizar o novo auditorio. Sinala o líder da oposición que Cultura anunciou a decisión sen estar o asunto na orde do día da comisión e que ao preguntar se iso significaba que xa había data para a inauguración, se lles dixo que esa pregunta non entraba na orde do día. Consideran que, máis aló dos méritos propios de Fuxan os Ventos, «o procedemento que quere impoñer o BNG non é o máis adecuado».Cren que o nome debería consensuarse e eles apostarían por darlle o dunha muller.