Volven as rutas a pé para os mozos de 14 a 35 anos de Lugo

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Cartel das actividades de Xuventude
Cartel das actividades de Xuventude CEDIDA

Retómanse este sábado, polo Courel

17 mar 2021 . Actualizado a las 10:20 h.

Volven este sábado as rutas a pé para a Xuventude Activa, segundo anunciou a concelleira de Xuventude, Ana Abelleira, quen adiantou que xa está aberto o prazo de inscrición na web xuventude.gal (www.formulario.xuventudelugo.gal) para a mocidade de 14 a 35 anos. Cumprindo coas indicacións sanitarias, faranse dous grupos de 4 persoas.

Trátase dun calendario de oito rutas, que se desenvolverán ata xuño: andainas de dificultade fácil, moderada e alta, tanto para quen se está iniciando no sendeirismo como para experimentados. Deste xeito, Xuventude aposta unha vez máis por unha programación que ten á natureza como principal protagonista, ofrecendo alternativas de lecer saudables e sostibles, que combinan deporte, medio ambiente e socialización.

O primeiro destino elixido, para este sábado, é O Courel, cunha ruta de 16 quilómetros e dificultade moderada polo Monte Cido e a Devesa da Rogueira. Moitos historiadores sitúan no Monte Cido ao mítico Monte Medulio, derradeiro bastión da resistencia nativa fronte á invasión romana. Este monte, integramente de rocha caliza, é unha lomba que agocha no seu interior multitude de covas que se supón que foron empregadas polos nativos para protexerse dos romanos e, moi probablemente, foran tamén refuxio dos Maquis durante a Guerra Civil. No seu cordal atópase un dos castros máis grandes de Galicia con máis de tres quilómetros de lonxitude, destacando a vexetación maiormente mediterránea coa presenza de orquídeas. Desde o Cido, e sempre con espectaculares panorámicas, as persoas participantes irán cara a Devesa da Rogueira, o bosque máis importante de Galicia e unha das zonas con máis biodiversidade do continente.

Participación

A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:

· Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando de xeito obrigatorio declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar)

· Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do contrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda)

· Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes.

· E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.

O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude. A Concellería solicita avisar no caso de ter praza e non poder asistir.

Programación

A programación está suxeita ás posibles restricións impostas polas medidas de prevención derivadas do covid. Tanto o límite de participación como as actividades a realizar pódense ver modificadas en función das limitación existentes nas datas sinaladas.

· 27 marzo. A Fraga das Reigadas (A Pontenova) Distancia: 14 km Dificultade: Moderada

· 17 abril. Arqueoastronomía nos Chaos de Amoeiro (Ourense) Distancia: 10 km Dificultade: Fácil

· 24 abril. Ribeira Sacra lucense do Sil: Muíños e Castro do Xábrega (Os Chancíns) Distancia: 14 km Dificultade: Moderada

· 15 maio. O Courel: Baldomir ? Castro da Torre. Distancia: 16 km Dificultade: Moderada

· 29 maio. Serra do Xistral: O Cadramón (1.056 m). Distancia: 14 km Dificultad: Media

· 12 xuño. Os Ancares: Pico Miravalles (1.966 m). Distancia: 13 km Dificultade: Media-Alta

· 26 xuño. Ribeira Sacra: Senderismo (Bosques máxicos de Castro Caldelas) + Ruta en Kayak (Doade). Ruta: 12 km, moderada Kayak: 2 horas