Xulio Díaz: «O fútbol é cousa dos futbolistas»

David Cofán LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O histórico técnico analiza a actualidade futbolística e repasa a súa carreira

15 mar 2021 . Actualizado a las 10:24 h.

Falar de Xulio Díaz (Cesuras, 1948) é facelo dun dos técnicos máis influentes do fútbol galego. Adestradores coma Fabri ou Fernando Vázquez son discípulos dunha escola que introduciu en Galicia conceptos coma a defensa en zona, que supuñan un avance extraordinario no xeito de entender o xogo. Non só foi un mestre, a súa carreira levouno a ascender ao Lugo á Segunda División por primeira vez na súa historia, sendo o segundo técnico con máis partidos oficiais á fronte do equipo albivermello.

Namorado do fútbol ata a medula, nin sequera a xubilación acougou a súa fame por aprender, observar e conversar sobre o deporte que ama.

-Cales son as ensinanzas que extrae da súa dilatada carreira coma adestrador?

-Descubrín que estase a cometer un erro moi grande á hora de formar xogadores. Fanse adestramentos que aburguesan ao neno. Tralo partido co Racing, Rubén de la Barrera dixo sobre Gandoy que era guapo, pero que lle faltaba ser xogador. Un xogador non se pode facer nun Deportivo que aspira a ascender. Saen futbolistas con boas condicións, pero mentalmente non son nin fortes, nin competitivos.