Escrita, artes plásticas e educación en clave feminina a través de exposicións pola provincia de Lugo

Laura López / X.M.P. LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Exposición sobre Xela Arias no IES Xograr Afonso de Sarria
Exposición sobre Xela Arias no IES Xograr Afonso de Sarria

As mostras poden verse en Sarria, no MIHL, en Formación do Profesorado ou en Vilalba

13 mar 2021 . Actualizado a las 18:16 h.

As salas de exposicións da provincia e outros espazos públicos volven encherse de mostras artísticas e culturais despois das restricións que impuxo a evolución da pandemia. Unha das protagonistas indiscutibles destas semanas é Xela Arias, a escritora sarriá a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas. Sobre a súa infancia e os seus anos lucenses abriu unha mostra precisamente na súa terra natal, en Sarria, na Casa da Cultura, baixo o título Aquela nena de Sarria, organizada polo colectivo Egeria co apoio da Xunta. Trátase dunha exposición itinerante de doce paneis nos que se aborda especialmente o tempo na Granxa Escola de Barreiros, da que o pai de Xela, Valentín Arias, era director.

Mostra sobre Xela Arias na Casa da Cultura de Sarria
Mostra sobre Xela Arias na Casa da Cultura de Sarria

A mostra itinerante xa foi presentada tamén no IES Xograr Afonso de Sarria, antes de iniciar o seu percorrido por outros centros educativos de Sarria e dos concellos limítrofes, para despois continuar a Festa das Letras polo resto de Lugo e de Galicia. Os estudantes poden afondar así no tempo que Xela viviu na Granxa de Barreiros (ata 1965), e en Lugo (ata 1969), onde estudou no Colexio Fingoi. A mostra reflicte a querenza de Xela Arias por Sarria e o rural, o seu vencello co galego e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos dos institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e ata un conxunto de «Vilariñas», especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitirica honra a Xela no seu ano. Tamén contén una serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A web www.aquelanenadesarria.gal contén todos os detalles deste proxecto.

Inaugurada no MIHL a exposición «Non despaletizar ata destino»
Inaugurada no MIHL a exposición «Non despaletizar ata destino»

Arte actual no MIHL

O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) tamén inaugurou nova exposición estes días, Non despaletizar ata destino, organizada polas artistas plásticas locais Kutxyllo, Noemí Núñez, Pia Piadosa e Yoe33, e conta coa instalación multimedia de Robocity e Caskabel, integrantes do Colectivo Ruído. O proxecto xorde da unión das artistas plásticas, que traballan distintas técnicas, formatos e estilos, coma o grafiti, a pintura e a ilustración, entre outros. Para este proxecto, compartiron un mesmo espazo de creación, unindo os seus estilos para conseguir a creación a grande escala dunha obra conxunta composta por fragmentos de obras independentes realizadas expresamente para o MIHL. As artistas utilizaron materiais desbotados, intentando non xerar novos residuos. A iniciativa nace da necesidade das artistas de crear sen que a escaseza de recursos materiais as limite e á súa vez tomar presenza nos espazos expositivos da cidade. Poderá verse ata o 11 de xuño.

Pola súa banda, Vilalba inaugurou a mostra «Mulleres senlleiras» na Praza da Constitución, que estará todo o mes. A iniciativa corre a cargo do Concello, coa colaboración do Iescha. Na exposición recórdase o traballo e o perfil de mulleres que pola súa actividade aínda hoxe, anos despois da súa morte, son coñecidas: as escritoras Carmiña Prieto Rouco e Engracia Vérez, ou a comadrona Concepción Braña. Pero tamén hai espazo para recordar a outras, sen citas nin notas nos libros de historia ou nas páxinas dos periódicos, pero igualmente valiosas e necesitadas de recoñecemento: campesiñas ou costureiras, criadoras de capón ou lavandeiras teñen tamén un oco na mostra.

Formación do Profesorado lembra a historia da educación en feminino
Formación do Profesorado lembra a historia da educación en feminino

Historia no Campus

En canto ao Campus de Lugo, a facultade de Formación do Profesorado fai un percorrido pola historia da educación en feminino a través dunha mostra composta por 34 pósteres e paneis, nos que o alumnado de Historia e Teoría da Educación Escolar recupera a memoria de episodios singulares da historia da educación e salientan as importantes achegas realizadas por ducias de educadoras e colectivos femininos ao longo dos séculos. A mostra Educación en feminino: un paseo pola historia pódese visitar ata o 20 de abril.

«O fin do Camiño» chegou a Castroverde
«O fin do Camiño» chegou a Castroverde

Tamén hai exposición na igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde, onde se inaugurou a mostra itinerante O fin do Camiño, organizada por Egeria e a Xunta.