A USC imparte en galego unha de cada cinco horas de docencia

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A Facultade de Ciencias da Comunicación é das que presenta un maior uso do galego nos seus títulos
A Facultade de Ciencias da Comunicación é das que presenta un maior uso do galego nos seus títulos PACO RODRÍGUEZ

Nun total de 43 graos úsase o castelán, como mínimo, na metade da formación

09 mar 2021 . Actualizado a las 00:00 h.

O castelán é a lingua máis empregada na docencia na Universidade de Santiago. Un 73,6 % das materias impártense no idioma de Cervantes neste curso 2020/21. O galego está presente en pouco máis dunha de cada cinco horas, isto é, no 22,1 %, despois de subir un punto porcentual respecto ao ano pasado. Uns valores que no caso dos graos se vén movendo nos últimos anos con oscilacións entre o 19,5 % (curso 2015/16) e o 21,5 % (2014/15), que está lonxe do 32,7 % do 2009/10, segundo recolle o recente informe anual do Servizo de Normalización Lingüística. Precisamente, subliña que o emprego da lingua de Rosalía é maior nos mestrados (32,6 %) ca nos graos (21,12 %).

As diferenzas entre titulacións son moi grandes. Así, mentres no grao de Relacións Laborais de Lugo non se imparte ningunha materia en galego no dobre grado de Mestre de Educación Infantil e Primaria son todas nesta lingua. Só trece graos presentan un emprego da lingua de Rosalía igual ou superior ao 50 %. Ademais deste dobre grao de Mestre e do de Lingua e Literatura Galega, hai maioría de galego en Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Educación Social, Filosofía, Pedagoxía, Mestre de Educación Infantil (Santiago), Paisaxe, Mestre de Educación Primaria (Santiago), Mestre de Educación Primaria (Lugo), Mestre de Educación Infantil (Lugo) e Economía. Noutras 43 titulacións o maioritario é o castelán. Ademais, en dez delas a presenza da lingua propia non chega nin ao 10 % de docencia: Relacións Laborais (Lugo), Lingua e Literatura Inglesa, Medicina, Enfermaría (Santiago), Odontoloxía, Nutrición Humana e Dietética, Linguas Modernas, Bioloxía, Farmacia, e Relacións Laborais (Santiago). En moitas delas o uso caeu á metade nunha década. Desde o Servizo de Normalización Lingüística destacan que o alto peso de horas docentes de Medicina -a cuarta parte de todos os graos-, ten especial relevancia nos resultados, xa que de non ter en conta esta titulación, o uso do galego situaríase no 27,6 % das horas.

O uso do galego por graos ordeados de maior a menor:

  1. Dobre grao Mestre de Educación Infantil e Primaira (100 %)
  2. Lingua e Literatura Galegas (100 %)
  3. Comunicación Audiovisual (95,16 %)
  4. Xornalismo (92,43 %)
  5. Educación Social (82,84 %)
  6. Filosofía (77,81 %)
  7. Pedagoxía (75,52 %)
  8. Mestre de Educación Infantil (Santiago) (74,4 %)
  9. Paisaxe (68,45 %)
  10. Mestre de Educación Primaria (Santiago) (64,49 %)
  11. Mestre de Educación Primaria (Lugo) (61,41 %)
  12. Mestre de Educación Infantil (Lugo) (61,26 %)
  13. Economía (54,17 %)
  14. Ciencias da Cultura e Difusión Cultural (47,08 %)
  15. Enxeñaría en Xeomática e Topografía (46,06 %)
  16. Enxeñaría Forestal e do Medio Rural (44,38 %)
  17. Dobre grao Enxeñaría Civil e en Enxeñaría Xeomática (40,56%)
  18. Ciencia Política e da Administración (38,55 %)
  19. Xeografía e Ordenación do Territorio (35,39 %)
  20. Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (34,92 %)
  21. Traballo Social (31,89 %)
  22. Historia (31,48 %)
  23. Robótica (31,41 %)
  24. Enxeñaría Civil (31,15 %)
  25. Matemáticas (31,11 %)
  26. Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais (28,71 %)
  27. Física (28,23 %)
  28. Bioquímica (26,54 %)
  29. Administración e Dirección de Empresas (Santiago) (25,57 %)
  30. Xeografía e Ordenación do Territorio (25,23 %)
  31. Filoloxía Clásica (24,64 %)
  32. Enfermaría (Lugo) (24,33 %)
  33. Empresa e Tecnoloxía (24,31 %)
  34. Psicoloxía (23,85 %)
  35. Criminoloxía (21,10 %)
  36. Lingua e Literatura Españolas (19,95 %)
  37. Enxeñaría Informática (19,03 %)
  38. Xestión de Pequenas e Medianas Empresas (18,46 %)
  39. Biotecnoloxía (17,98 %)
  40. Bioloxía (16,93 %)
  41. Administración e Dirección de Empresas (16,58 %)
  42. Enxeñaría Química (16,39 %)
  43. Veterinaria (15,90 %)
  44. Dereito (15,10 %)
  45. Óptica e Optometría (14,06 %)
  46. Lingua e Literatura Españolas (Lugo) (12,42 %)
  47. Química (11,60 %)
  48. Historia da Arte (11,31 %)
  49. Relacións Laborais e Recursos Humanos (Santiago) (8,84 %)
  50. Farmacia (8,29 %)
  51. Bioloxía (7,45 %)
  52. Lingua e Literaturas Modernas (7,39 %)
  53. Nutrición Humana e Dietética (6,22 %)
  54. Odontoloxía (3,21 %)
  55. Enfermaría (Santiago) (2,42 &)
  56. Medicina (2,36 %)
  57. Lingua e Literaturas Inglesa (0 %)
  58. Relacións Laborais e RR.HH. (Lugo) (0 %)

Sandra Alonso

Gumersindo Feijoo, vicerreitor: «Co Plan de Normalización buscamos subidas consolidadas no uso da lingua a medio prazo»

 

M. g.

Despois dunha década sen Plan de Normalización Lingüística -o último foi para o período 2001-2010-, o Claustro da USC aprobou en decembro o novo con dous anos de vixencia co obxectivo de propiciar un salto cualitativo na extensión do uso da lingua galega na institución universitaria. «Son 27 accións e xa as temos todas en marcha», asegura o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxía e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo, quen engade que apostaron por facer un plan de curta duración pero con medidas moi focalizadas para despois ir avaliando resultados. Salienta que algunha das accións «son difíciles de conseguir, pero ningunha imposible»

Marcan algún obxectivo por ano? «Pensamos nun aumento gradual. Non buscamos grandes picos cunha acción moi potente pero que despois non se manteña. En vez de buscar picos, queremos subidas máis consolidadas a medio prazo», responde o vicerreitor responsable desta área.

Accións en Medicina

Unha das miradas está posta no ámbito de Ciencias da Saúde, cun escaso uso do galego, e en Medicina especialmente. Para iso desde o Servizo de Normalización Lingüística xa están traducindo todas as súas guías docentes para que estean listas para o ano que vén, así como o banco de preguntas de test que teñen para que tamén estean en galego e o profesorado poida empregalas nos próximos exames. Por outra parte, xa se adheriron a Declaración de Helsinki para fomentar o uso do galego na investigación, elaboraron 19 esenciais e sobe o orzamento para as comisións de normalización lingüística.

Estancado o uso do galego? «Este ano por primeira vez temos catro títulos onde o uso do galego é máis do 90 %, e dicir, que practicamente é todo en galego», responde, apuntando que é moi difícil incrementar en grandes porcentaxes debido, precisamente, ao peso que ten Medicina en canto a horas, de aí que un incremento neste ámbito implicaría un salto cualitativo. Tamén están preparando un novo Regulamento de Usos Lingüísticos.

O inglés está presente en dezaseis das 58 titulacións

 

 

A presenza do inglés segue sendo moi reducida nas titulacións ao estar en 16 das 58. Neste curso impártense nesta lingua o 2,31 % das clases, unhas décimas máis que no 2019/20. Ao grao de Lingua e Literatura Inglesa, que se imparte na súa totalidade, hai que engadirlle a presenza en Lingua e Literatura Española (14,4 %), Enxeñaría Química (13 %), Empresa e Tecnoloxía (12,1 %) e Química (10,2 %). Tamén se usa, xa en porcentaxes menores, en Dereito, Veterinaria, Odontoloxía, Criminoloxía, Odontoloxía, Comunicación Audiovisual e nos graos de mestres tanto de Educación Infantil como de Primaria.