Isabel Pérez, directora da Biblioteca Provincial: «Nunca se leu tanto como agora en literatura infantil e xuvenil»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

María Isabel Pérez Fórneas xa formaba parte do equipo directivo anterior
María Isabel Pérez Fórneas xa formaba parte do equipo directivo anterior ALBERTO LÓPEZ

A responsable do centro explica que a pandemia obrigou a mudar o traballo e a potenciar as redes sociais

28 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

María Isabel Pérez Fórneas leva traballando na Biblioteca Provincial de Lugo (Biblioteca Nodal) desde 1997, e desde este mes é tamén a nova directora do centro. Titulada en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade de Salamanca, fixo un máster na Autónoma de Barcelona sobre libros infantís e xuvenís, sector no que se especializou e do que se encargaba na Biblioteca lucense desde o 2005. No 2017 participou nun proxecto para reunir e elaborar unha base de datos bibliográficos sobre xénero e igualdade en literatura infantil e xuvenil. Agora asume a dirección ao renunciar, por motivos persoais, a anterior directora, María Elena García, en cuxo equipo directivo xa traballaba Pérez Fórneas.

-Cales son os proxectos a curto prazo?

-Pouco vai poder ser porque estamos entrando e saíndo continuamente de medidas restritivas, e así non é doado planificar nada. Seguiremos reunindo, organizando e ofrecendo ao público, a todos, os fondos dos que dispoñemos, para que todos poidan atopar o que precisan, desde un libro de receitas, ata a prensa, ata un espazo no que estudar ou a última novela. A Biblioteca é a casa de todos, tanto para os que teñen necesidades informativas, como formativas ou de entretemento.

-Como se adapta a Biblioteca a este contexto?

-Pois sempre cun sorriso e amabilidade. Esta situación, a nivel social e de comunidade xera incerteza, mudan os protocolos... e tratamos de suavizar isto con boa disposición, co noso ofrecemento a axudar.

-Como adaptaron as actividades?

-Fomos tirando dos formatos en liña. Aquí sempre temos contacontos presenciais os venres á tarde, e conseguimos mudalos en contacontos dixitais, e foron un exitazo. Co comezo do curso escolar, fomos retomando as actividades paseniño. Agora mesmo, por exemplo, temos unha exposición sobre mulleres xornalistas, no hall, accesible on-line, fixemos un clip de vídeo de cada unha e difundímolo polas redes.

-Como experta en literatura infantil e xuvenil, cre que goza de boa saúde esta sección?

-Pois a verdade é que nunca se leu tanto como agora en literatura infantil e xuvenil. Detéctase unha baixada na lectura cando os lectores máis novos chegan aos 11 ou 12 anos, pero creo que se debe a que empezan a ler noutros formatos e a consumir máis contidos en liña. Pero estou convencida de que cando sementas, tés os teus froitos. E aínda que unha persoa pase un tempo sen ler, o lector sempre volve, tarde ou cedo vai retomar a lectura.

«O perfil do usuario é máis feminino, con predominio de mulleres de entre 20 e 60 anos»

A Biblioteca conta cuns seis mil socios activos.

-Cal é o perfil do usuario?

-Hai máis lectoras que lectores. O perfil do usuario é máis feminino, con predominio de mulleres de entre 20 e 60 anos. Na rede de Instagram, en concreto, hai unha gran porcentaxe de mulleres de Lugo de 25 a 54 anos. Nos clubs de lectura tamén predomina ese perfil.

-Que papel xogaron as redes sociais?

-Desde marzo do 2020 ata agora as redes sociais están irrecoñecibles e convertéronse nunha canle moi importante de comunicación das nosas actividades e tamén de creación de contidos. Pasamos duns mil a mil seiscentos seguidores en menos dun ano. E todo ese traballo consume efectivos e tempo.

«Cando sementas, tés froitos. E aínda que unha persoa pase un tempo sen ler, o lector sempre volve, tarde ou cedo vai retomar a lectura»

A Biblioteca en cifras

Tarxetas de socios: 36.000

Socios activos: 6.000

Préstamos no 2020: 80.112

Préstamos no 2019: 141.389

Total documentos 2020: 206.001

Plantilla: 22 persoas

 «Terra alta» e «Un lume azul», os títulos máis prestados no 2020

Terra alta, de Javier Cercas, un thriller que foi Premio Planeta 2019, foi a novela máis demandada no 2020 na Bilioteca Provincial de Lugo dentro dos títulos en castelán, seguida da novela negra Cara norte del corazón, de Dolores Redondo. No ránking das obras de ficción en castelán tamén están El día que se perdió la cordura, Javier Castillo; Mujeres que no perdonan, Camilla Lackberg; Los señores del tiempo, Eva García Saénz de Urturi; Todo esto te daré, Dolores Redondo; La bruja, Camilla Läckberg; El legado de la Villa de las telas, Anne Jacobs; Crónica de una muerte anunciada, Gabriel García Márquez; e El último barco, Domingo Villar.

En canto á literatura de ficción en galego, triunfou Un lume azul, Pedro Feijoo, tamén novela negra, editada por Xerais, seguida da obra de banda deseñada O bichero, de Davila. Tamén están neste ránking O último barco, Domingo Villar; Carrusel, Berta Dávila; Os dous de sempre, Castelao; Infamia, Ledicia Costas; As estacións do lobo, María Reimóndez; Feliz idade, Olga Novo; Beleza vermella, Arantza Portabales Santomé; e A cea, Herman Koch.

A obra El hombre en busca de sentido, do psiquiatra Viktor E. Frankl foi o máis lido na sección de non ficción en castelán, seguido da obra Cómo suprimir las preocupaciones y disfrutar de la vida, de Dale Carnegie, que ofrece técnicas para a xestión do estrés. Tamén foron moi demandadas El infinito en un junco: la invención de los libros en el mundo antiguo, Irene Vallejo; Sé amable contigo mismo: el arte de la compasión hacia uno mismo, Kristin Neff; Sobre el duelo y el dolor, Elisabeth Kübler-Ross y David Kessler; Venza sus obsesiones, Edna B. Foa y Reid Wilson; Nacidas para el placer: instinto y sexualidad en la mujer, Mireia Darder; 1.000 recetas de oro, Karlos Arguiñano; La pequeña filosofía de los pájaros, Philippe J. Dubois y Élise Rousseau; e El universo en expansión: del Big Bang al Homo sapiens, Mario Hamuy.

Historia e literatura galegas

Polo que respecta á non ficción en galego, o ensaio divulgativo Galicia contada aos non galeguistas, de Manuel Veiga Taboada, encabeza o top ten, seguido da obra sobre literatura galega Lecturas de nós: introdución á literatura galega, de Ramón Gutiérrez Izquierdo. Outros títulos deste listado son A semente, a árbore, a froita, Ana Pontón en conversa con María Reimóndez; Guía de campo da Galicia Encantada: dos seres míticos e dos lugares que habitan, edición de Antonio Reigosa; Galicia: una nación entre dos mundos, Ramón Villares; De catro a catro e outros textos, Manuel Antonio; Papá, por que non pintas as unllas de cores?: educando (construíndo) masculinidades disidentes, Jorge García; Educar a través da arte: cara a unha escola imaxinada, Vicente Blanco, Salvador Cidrás; Arte e escritura na Galicia medieval: (séculos VI-X), Anselmo López Carreira; e Permacultura: unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor, Alexandre Grande Babarro.