Cambian as mallas nas pasarelas de madeira dos sendeiros de Lugo

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

O edil de Medio Ambiente supervisou o inicio dos traballo de colocación da rede
O edil de Medio Ambiente supervisou o inicio dos traballo de colocación da rede CEDIDA

O Concello empregará 1.576 metros de rede nos paseos peonís xunto aos ríos lucenses

26 feb 2021 . Actualizado a las 13:43 h.

A área de Medio Ambiente procede estes días á substitución das mallas antiesvarantes que recobren as pasarelas de madeira nos sendeiros locais. En total, empregaranse 1.576 metros de rede de triplo torsión galvanizada que se fixarán á superficie dos paseos peonís para evitar posibles escorregamentos e caídas derivadas da presenza de follas ou de humidade sobre a tarima.

O edil Álvaro Santos supervisaba hoxe a súa colocación que se desenvolverá, se as condicións climatolóxicas así o permiten, durante os vindeiros días. «As tarefas, que teñen un custo de 7.555 euros, obedecen á necesidade de repoñer as dotacións actuais, xa moi deterioradas polo paso do tempo e pola afluencia de viandantes que frecuentan estes itinerarios. Executaranse nas pontellas municipais da ruta de Ombreiro ao completo; na ponte que hai antes de chegar á Estación Depuradora de Augas, no sendeiro do Río Miño; e tamén no roteiro de Os Muíños, ata chegar ao Muíño de Abelleira, xa que o resto do tramo é de titularidade autonómica», explicou o concelleiro socialista. 

Santos Ramos sinalou, igualmente, que a intervención, que rematará previsiblemente a finais da vindeira semana, forma parte dos labores de conservación e mantemento que Medio Ambiente realiza de forma ordinaria, durante todo o ano, dende o servizo de Parques e Xardíns.