Saúde e economía


Camiñar por Lugo estes festivos conforta, pola pacífica resposta popular ás medidas para pecharnos a boca, pecharnos na casa, pecharnos o presente. É igual que vaiamos polas beiras do Miño e do Rato, onde faría falla levar un metro para comprobar que gardamos respectuosa distancia, como que paseemos polo centro, onde as prazas Maior e San Marcos son eixos vitais de xente nova con nenos aos que hai que entreter e cansar antes de volver á casa. Nin unha palabra máis alta ca outra, nin un mal xesto, proba do que melloramos en civismo. Xa quixera algo así o Marqués de Esquilache no Madrid do XVIII cando fixo recortar sombreiros para ver a cara dos madrileños, e cortar capas para ver se ían armados. Por isto, a vida disipada das autoridades e as infames condicións de vida, produciuse o motín que fixo que Carlos III expulsase a Esquilache e cambiase o goberno. E sen ir tan lonxe, lembremos que no Lugo de 1918, pola fame da xente, os lucenses invadiron os comercios arrasando co que atoparon.

Pode que a diferenza sexa que agora non hai fame visible, temos sanidade, tranquilidade, pensións, salarios ou ertes, e a economía garante paz e convivencia. E confiamos en que o importante é ter saúde, agora ameazada, aínda que para a economía as predicións son catastróficas. Xa sabemos, pois, por que non nos rebelamos, por que camiñamos para gastar enerxías, por que non asaltamos os bares pechados e non roubamos os miles de libros das bibliotecas… Porque o importante é o equilibrio entre saúde e economía. Por iso, só por iso, temos toda a festa en paz.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Saúde e economía