O «Gran Bolero», premio Max 2020, abre o Lugo en Danza

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

«Gran Bolero», de Jesús Rubio
«Gran Bolero», de Jesús Rubio AYTO. SEVILLA | EP

Unha ducia de bailaríns actuarán o venres no Gustavo Freire da man de Jesús Rubio Gamo

22 feb 2021 . Actualizado a las 12:30 h.

A danza volve a Lugo da man dunha nova edición do Lugo en Danza (LED), que propón nove espectáculos de artes do movemento e danza contemporánea ao longo do ano. A inauguración correrá a cargo este venres do Gran Bolero de Jesús Rubio Gamo, premio Max 2020.

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou as actividades que dan forma ao ciclo LED, «de programación e mediación cultural ao redor da danza e das artes do movemento, co que dende a área de Cultura tratamos de ofrecer opcións diversas, ampliando o acceso á cultura das veciñas e veciños ao campo da danza contemporánea e as artes do movemento». Segundo explicou a concelleira, o proxecto complétase con «diversas iniciativas de mediación coa idea de establecer pontes e vías de comunicación con distintas comunidades artísticas, dentro e fóra do auditorio».

Ademais, engadiu que se organizarán «coloquios e obradoiros gratuítos, así como colaboracións con artistas de outras disciplinas, seguindo sempre coa programación de actividades culturais mantendo todas as medidas de seguridade».

Ferreiro insistiu en que desde a área de Cultura «apostamos pola pluralidade na programación escénica e por dar cabida e visibilizar a danza na cidade (...) favorecemos que as artistas e creadoras teñan máis lugares e espazos de expresión e onde mostrar os seus traballos e garantimos que a cidadanía de Lugo poda ter acceso a unha cultura plural».

O programa do Lugo en Danza é o seguinte:

· Venres 26 de febreiro, 20.00 horas, Auditorio Municipal Gustavo Freire. Gran Bolero, de Jesús Rubio Gamo. Gañadora do premio Max 2020 ao mellor espectáculo de danza. Doce bailaríns en escea fan unha extenuante reinterpretación do Bolero de Ravel.

· Venres 19 de marzo. Non hai que ser unha casa para ter fantasmas, de Pálido Domingo.

· Venres 30 abril. Emigrantas, de Kirenia Fernández.

· Venres 14 de maio, Bailar agora, de Cía Traspediante.

· Venres 4 de xuño. HARA, de Andrés Corchero.

· Venres 18 e sábado 19 de xuño. Señora, de Rebeca Carrera, e Debut, de Rosa Romero.

· Venres 24 de setembro. Technocracia, de Funboa Escénica.

· Venres 29 outubro. Em-na, de Colectivo Glovo.