Pública e de calidade

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

LUGO CIUDAD

15 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aescola pública está moi ben, pero na concertada hai outro nivel. Escoitei durante moito tempo e de moita xente esta frase. Expliquemos pois, abertamente, a que se debe a diferenza. Na escola pública, todos os docentes teñen que pasar unha serie de probas para opositar ao cargo de funcionariado. Deixamos claro que os nosos mestres están máis que especializados e formados para dar clase, incluso cando nos últimos anos a profesores de galego se lle dan especialidades de Historia ante a privatización e a falta de recursos.

Estes mesmos mestres son os que se enfrontaron durante a pandemia a era dixital imposta. Dende marzo, tiveron que deixar as fichas en papel e centrarse nas aulas virtuais, sen apenas apoios para equiparar as posibilidades que tiña cada familia de proporcionarlle dispositivos electrónicos aos seus fillos.

Hai apenas uns anos, tiña un mestre que viña dende Lugo todos os días. Ás veces, preguntabámoslle se lle merecía a pena facer case dúas horas de ida e volta. El, coa súa risa afable, dicíanos que por vocación faise todo, que estudara toda a carreira de maxisterio indo hai mai máis de cincuenta anos co gando. Esa é a verdadeira faceta do docente, facer todo o posible por achegar o coñecemento aos seus alumnos. Sen desmerecer a concertada nin a privada, opino que temos un valor incalculable na nosa educación se a conservamos.

Se crese eu na monarquía parlamentaria, gustaríame que o xefe do Estado que refrenda os títulos da Educación Pública servise de exemplo e mandase aos seus fillos a unha escola pública e de calidade coma a que promulga. Para aqueles que continuamos estudando pese ás dificultades é case unha afronta a decisión tan antagónica. Non era tanto pedir, non?