Finaliza a primeira fase do Muramiñae Rehabilita coa inserción laboral de tres traballadores nunha empresa lucense

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

A alcaldesa mantivo unha videoconferencia cos participantes no programa
A alcaldesa mantivo unha videoconferencia cos participantes no programa

Os empregados levaron a cabo obras de mellora en diferentes barrios da cidade que integran a zona DUSI

12 feb 2021 . Actualizado a las 17:58 h.

A primeira fase do Plan Muramiñae Rehabilita finalizou de forma exitosa, logo de que tres dos participantes lograran a súa inserción laboral nunha empresa lucense. A través desta programación, o goberno local, que preside Lara Méndez, ofreceu formación e capacitación a 27 persoas, 24 delas pertencentes a colectivos vulnerables, ao tempo que levaron a cabo, obras de mellora nos barrios da cidade que integran a zona DUSI. 

Este venres, a alcaldesa mantivo unha videoconferencia cos participantes neste programa socio-laboral para felicitalos polo traballo levado a cabo e animalos a seguir formándose. «Quero agradecervos a vosa implicación e o voso esforzo para que esta primeira edición resultase un éxito. O obxectivo agora é que toda esa aprendizaxe e experiencia que acumulastes nos últimos meses vos sirva para atopar unha oportunidade laboral», apuntou. 

Neste senso, Lara Méndez mostou a súa satisfacción pois «gracias á formación recibida, tres participantes van a comezar a traballar xa nunha empresa de Lugo, despois de ter pasado un proceso selectivo, mentres que o resto comezarán agora unha segunda fase de asesoramento, a través da cal o servizo de Orientación Laboral do Concello prestaralles axuda para atopar un posto de traballo», explicou.