Lugo gastou no 2019 unha media de 800 euros por habitante

la voz LUGO

LUGO CIUDAD

Paula Alvarellos, edila de Gobernanza del Concello de Lugo
Paula Alvarellos, edila de Gobernanza del Concello de Lugo CEDIDA

O Concello aproba a Conta Xeral, coa abstención de Ciudadanos e do PP, que afea que apenas se gastase o capítulo de investimentos e que haxa unha suba encuberta de impostos

20 ene 2021 . Actualizado a las 17:16 h.

O Concello de Lugo aprobaba esta mañá, durante a celebración dun pleno extraordinario, a Conta Xeral de 2019, axustándose así aos prazos establecidos ao efecto que foran prorrogados até este venres, 22 de xaneiro, debido aos condicionantes que impuxo a pandemia. 

Un balance que, como sinalou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, durante a súa intervención, certifica que a Administración local executou ese ano o 90 % do investimento comprometido. Na súa exposición, a concelleira referiu que en 2019 a institución efectivizou o pago de 78'4 millóns de euros dos 86.864.498'99 que se adxudicaron.

 «É dicir, empregamos máis do 75 % dos fondos dispoñibles (114.841.121'04 €) e os executamos nun 90'25 %. Cartos que serviron para facer fronte ao pagamento dos bens e servizos nos que se sustentan todas as prestacións municipais (abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, iluminación pública, axudas de alugueiro e emerxencia social, funcionamento dos centros de convivencia, actividades de dinamización en xeral, programación cultural e de ocio, reparacións de firme, etc...) pero cos que tamén atendemos os custos de persoal e se sufragan os proxectos licitados», indicou a concelleira. 

Pese a que en 2019 os orzamentos estaban prorrogados e carecían de capítulo de investimentos reais o Concello realizou un gasto medio por habitante de 795'46 euros, case 100 euros máis respecto ao ano anterior.

Rebaixa do periodo de pago a provedores a 10 días

A responsable de Gobernanza avanzou igualmente que os indicadores económicos que reflicte a Conta Xeral ratifican a suficiencia financeira do Concello e nomeou variables como a solvencia a curto prazo, que se sitúa no 447'90 % ou a liquidez inmediata, calculada no 225'15 %. 

«Isto propiciou tamén que durante 2019 puidéramos rebaixar o Período Medio de Pago a Provedores até os 10'4 días de media, cando a marxe legal son 30, reducíndoa practicamente a un terzo», engadiu. 

A recadación tributaria, que supera os 89 millóns de euros, axustouse nun 97'82 % á súa estimación inicial.  

Paula Alvarellos facilitou tamén as cifras dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como pode ser o IBI (21.608.342'26 €) ou o imposto de circulación (5.861.865'33 €), que supoñen o 24'7 % e o 6'71 %, respectivamente, dos ingresos totais e tamén a máis simbólica como é o gravame dos quioscos que ascendeu a 220'60 euros.

«En definitiva ? resumiu a concelleira de Gobernanza - trátase dunha Conta Xeral que, unha vez máis, pon de manifesto que o Concello de Lugo é unha administración solvente, saneada, que amosa un balance positivo e que ademais traballa e se esforza cada ano, para mellorar os indicadores económicos que así nos definen». Alvarellos aproveitou a súa intervención para agradecer ao persoal e aos técnicos municipais da área Económica que, «sen desatender o resto de tarefas ordinarias que teñen encomendadas, como é a elaboración desta Conta, presentada en tempo e forma - o que tamén evidencia o seu bo facer - atenderon igualmente ás prioridades determinadas pola alcaldía, nun ano especialmente complexo, no que amosaron un compromiso absoluto co esforzo que neste 2020 fixo a administración para axilizar o pagamento de facturas e dotar de liquidez, en plena pandemia, ao tecido produtivo local», concluíu a edil.

Abstención do grupo popular e de Ciuadanos

O voceiro do Grupo Popular, Ramón Carballo, xustificou a abstención dos populares na Conta Xeral de 2019 tomando como base o baixo grao de execución do orzamento de investimentos xa que quedou «85% dos 21 millóns sen gastar». Para Ramón Carballo esta situación é moi preocupante porque demostra, unha vez máis, «a incapacidade de xestión do PSOE e o BNG».

O popular tamén recriminou que PSOE e BNG impuxeran para este 2020 subas encubertas de taxas e impostos. Por último, Carballo lamentou que «un ano máis o bigoberno aprobe o documento fóra de prazo», lembrando que o trámite tiña que estar feito o pasado 8 de xaneiro e «que podíamos ter aforrado os cartos que supón convocar esta sesión de pleno extraordinaria. Deixense de tanta terminoloxía bonita para dar titulares sobre Vancuver e céntrense en xestionar e de dar solución aos problemas do día a día dos veciños de Lugo e invistan o que é noso», resumiu Carballo.

Pola súa parte, os dous edís de Ciudadanos tamén se abstiveron xa que criticaron que se foron acumulando remanentes nas contas dos anos 2017, 2018 e 2019 por culpa de non executar as obras presupostadas en vez de por conseguir baixas pola execución, e lembraron que neste 2021 estanse a licitar obras que veñen do orzamento do 2017.