Guido Álvarez, guía lucense: «O turismo de proximidade gañou moita relevancia»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Guido Álvarez
Guido Álvarez

O impulsor de Guido Guía comeza o ano con novos proxectos para dar a coñecer os barrios da cidade e «o Lugo menos coñecido»

12 ene 2021 . Actualizado a las 08:41 h.

O guía oficial de turismo Guido Álvarez (Lugo, 1985), responsable de Guido Guía, comeza o ano con moita enerxía e novos proxectos. A pesar das restricións e as preocupacións pola pandemia, as ganas dos cidadáns de gozar coas rutas ao aire libre que propón pola contorna e a capacidade de Guido para reinventarse e adaptarse ás novas circunstancias con proxectos atractivos, fan das súas propostas un éxito asegurado.

-Con que iniciativas comeza este 2021?

-Despois dunha pausa na actividade en novembro e decembro, retomei os paseos guiados, sobre todo, para animar á xente. Por agora, son grupos de seis persoas. Por un lado, continúo co programa do Lugo menos coñecido (#OLugoMenosCoñecido) e comezo o primeiro proxecto novo do ano, polos barrios (#BarriosLucenses). A idea dos paseos polos barrios xurdiu porque nestes anos coñecín a moita xente dos barrios de Lugo que participaban nas rutas e contaban anécdotas e curiosidades da zona, e iso é un gran plus porque se xera un intercambio moi importante. Así que nestes paseos contarei polo menos cun veciño do barrio ao que darlle protagonismo para que conte anécdotas, curiosidades... e eu tamén seguirei dando as miñas explicacións como guía. Esta singularidade creo que fai moi especiais estes paseos porque non é fácil que suceda esa interacción noutros lugares. E creo que ocorre porque Lugo, a pesar de ser unha cidade mediana, é moi familiar.

-Cales son os próximos paseos?

-O próximo será este domingo, día 17, polo barrio de Castelo, e esta semana anunciarei novas datas para o que queda de mes. As inscricións poden facerse no correo guidoguiaturismo@gmail.com, nas miñas redes ou na canle de Telegram de Guido Guia. Tamén seguirán os paseos do Lugo menos coñecido e, cando poida subir o aforo, retomarei o Redescubrindo Lugo e repetirei os proxectos do ano pasado, porque tiveron moito éxito. En calquera caso, cada vez estou máis consolidado como guía na cidade e na provincia porque aquí hai moito potencial e necesitamos dálo a coñecer.