A escola de Lugo


Adous días do de Reis, publico o terceiro e último artigo da serie panxoliñas, ese subxénero literario que tanto cultivou a nosa musa popular e do que aínda perviven fermosos textos no vecindario adulto de moitas aldeas galegas. Son as que, tempo despois, inspiraron a Ben-Cho-Shey, a Manuel Fabeiro, a Xosé M.ª Álvarez Blázquez e ao mesmo Celso Emilio Ferreiro, quen, en 1956, foi capaz de romper coa mensaxe tradicional e compoñer panxoliñas sub-versivas nas que o Neno Xesús non só nacera en berce non dourado senón que era o pauciño máxico que nos debería comprometer contra os poderosos, os asoballadores e os causantes da pobreza do mundo. Pero un estudoso deste subxénero fala dos nadais laicos de Lugo, que, no contido, xa non se porteñen coa panxoliña tradicional nin coa sub-versiva: é o nadal laico, aquel en que un remitente fai chegar a amigos e achegados textos, propios ou alleos, en que se felicitan as Festas de Inverno con versos ou prosas que fan referencia ás esperanzas políticas, á opresión do idioma galego, á Revolución...

Protagonizou esta experiencia, en Lugo (no número 18 da rúa 18 de Julio), unha pequena empresa denominada Cartonajes ANMI, que facía envases para tartas, roscóns... e que posuía unha modesta imprenta. Alí se editou, coa miña colaboración, a fins de 1965, o calendario para 1966, de tamaño grande, titulado Platero e mais eu, que contiña unha escolma, traducida ao galego, de varios capítulos do famoso libro de Juan Ramón Jiménez. Eran os tradutores Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Alonso Montero, Méndez Ferrín, Antía Cal..., e os ilustradores, Luís Seoane, Colmeiro, Laxeiro, Mercedes Ruibal, Díaz Pardo... O prólogo, titulado Juan Ramón visto por nós, foi escrito por Ánxel Fole, e o burriño do frontispicio, debuxado por Saturno Lois.

O editor, Ángel Gómez Camarón, mestre represaliado e home de ideas socialistas, non foi quen de editar, en 1969, un magno calendario dedicado a Pablo Iglesias. Pero en Lugo, na súa artesanal imprenta ou noutras, publicaron nadais laicos Arcadio López-Casanova, Novoneyra, Alonso Montero, Antonio Yebra...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A escola de Lugo