A oficina postal máxica dos Magos de Oriente chega á cidade

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Feria Arterite en la Praza Agro do Rolo
Feria Arterite en la Praza Agro do Rolo ALBERTO LÓPEZ

A Horta do Seminario e Augas Férreas contarán con espectáculos musicais e animación

02 ene 2021 . Actualizado a las 18:54 h.

Días 4 e 5 • Prazas Horta do Seminario e Augas Férreas • Lugo • 

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou os espectáculos previos á cabalgata de Reis, que terán lugar os días 4 e 5 nas prazas Horta do Seminario e Augas Férreas. «Desde a área de Cultura propoñemos estas dúas actividades culturais, deseñadas para celebrar a chegada dos Magos a Lugo, e tendo en conta as restricións ditadas polas autoridades sanitarias», declarou Ferreiro, que engadiu que «todas as zonas da cidade albergan actividades de cara á chegada dos Reis».

 

 

«Cartas de ilusión»

A primeira actividade, chamada «Cartas de ilusión», é un espectáculo de gran formato co que se recreará o lugar onde se centralizan as cartas que as nenas e nenos lucenses escriben aos Magos de Oriente. As carteiras e carteiros reais son quen reciben milleiros de cartas cada ano, son quen as ordenan e clasifican para facerllas chegar aos Magos.

Este ano, poderase ver como traballan nunha oficina postal máxica, enchendo de vida esta oficina que poderá ser visitada por todas as veciñas e veciños de Lugo os días 4 e 5 de xaneiro para deixar no buzón real as cartas cos seus maiores desexos.

O segundo espectáculo titúlase «Notas do Nadal», e trátase dunha actividade coa música e o baile como protagonistas, ao que darán vida tres intérpretes e bailaríns. Explican desde Cultura que, tradicionalmente, a chegada dos Reis celebrábase en Galicia cantando e tocando. Grupos de mozas e mozos percorrían as aldeas con gaitas, pandeireitas e cantigas pedindo un agasallo.

 

«Cantos de Reis»

Neste espectáculo poderemos gozar das músicas e cantigas dos Cantos de Reis, que foron pasando de xeración a xeración durante séculos. Desa tradición xorde Notas de Nadal para encher de cor e alegría as xornadas do 4 e 5 de xaneiro.

As actividades de Nadal continúan tamén na Praza Agro do Rolo, onde segue a mostra de arte Arterite, á que se poderá acceder respectando o aforo, cumprindo o distanciamento social e usando xel hidroalcohólico. Haberá tamén ambientación musical con catro pinchadiscos.