Montaña rusa

LUGO CIUDAD

29 dic 2020 . Actualizado a las 18:40 h.

Mentres outros concellos pasan ao nivel máximo de alerta e inician as restricións de mobilidade, Lugo abandona, por fin, o seu peche perimetral. Vivimos algo semellante a unha montaña rusa, con ascensos e caídas vertixinosas, reviravoltas e cambios bruscos de dirección. A meirande parte de nós xamais chegara a imaxinar a posibilidade de ter que consultar antes de saírmos da casa se son legais ou non cousas tan sinxelas coma dar un paseo ou quedar para tomar un café.

No que levamos do Nadal puxéronse, seica, unhas mil multas. Estou certa de que moitas desas persoas delinquiron a sabendas; mais sei, tamén, que habería outras moitas que simplemente non sabían o que estaba permitido. Así que o meu café das mañás vai adubado dunha curiosa consulta sobre o que é legal. E recoñezo que, logo duns días de traballo intenso, atopeime enviando un wasap a unha avogada veciña, amiga, dicindo: «Podiamos dar un paseo ao aire libre, se é que se pode, que ti saberás».

Todos sabemos que o descoñecemento da lei non exime do seu cumprimento; mais no momento actual estanse a dar situacións que darían para un ciclo completo de películas de humor absurdo. Sería unha mágoa que a nosa montaña rusa rematase como a que construíu Vincent, un personaxe da novela de Jean Teulé, A tenda dos suicidas. Na súa maqueta dun parque de atraccións, a montaña rusa está cortada pola metade e por iso as reviravoltas e os ascensos desembocan nunha caída libre no baleiro. Para combater o golpe, só temos as agullas das vacinas. Confiemos en que funcionen. Polo de agora, a OMS xa nos advirte sobre que seguramente o coronavirus se faga endémico. Quizais sexa imprescindible un pouco de humor negro.