Manuel Becerra, unha figura lucense na España do século XIX

XOSÉ A. POMBO

LUGO CIUDAD

19 dic 2020 . Actualizado a las 22:48 h.

O século XIX é un período da historia de España que desafía a memoria de historiadores e estudosos. A infinidade de cambios que houbo na política; o desfile de dirixentes que quixeron o poder; a continua interferencia dos militares nas decisións de Estado; as manobras de pactos, intrigas, conspiracións e rebelións ou pronunciamentos, provocaron unha falta de estabilidade que impediron remediar os múltiples males que afectaron a España durante cen anos. Francia e A Gran Bretaña aproveitaron os períodos de estabilidade para industria-lizarse e transformar as comunicacións, Alemaña e Italia unificaron os territorios para facer nacións fortes. Pola contra, España perdeu o tren do daquela chamado ‘progreso'. Un tren que, por certo, debía pasar por este lugar onde nós agora estamos. Manuel Becerra dende os 20 anos, ata que morreu con 76, foi un deses protagonistas políticos da España do século XIX que ben merece o recoñecemento que hoxe lle ofrecemos os aquí presentes convocados polo concello de Castro de Rei.

Para lembralo tomamos como referencia nun libro laudatorio, polo tanto parcial, que glosa a súa vida política. Referímonos ao que escribiu en 1885 o seu correlixionario Francisco del Pino quen fora redactor do xornais madrileños El Pueblo, La Democracia, La Igualdad El Debate. Este libro vén sendo a continuación dunha homenaxe que amigos e correlixionarios lle fixeron aquel ano co agasallo dun busto coa súa efixie sobre un pedestal que contiña, gravados, unha alusión á Constitución de 1869, símbolos masónicos, unha rosa e a dedicatoria en letras douradas: ‘A Manuel Becerra, el consecuente y esforzado defensor de la democracia. Sus correligionarios y amigos'.

Francisco del Pino tivo o privilexio de tratar persoalmente a Manuel Becerra, de colaborar con el, e polo tanto soubo de primeira man as idas e voltas das complexas situacións políticas daquel tempo e puido anotar as palabras do chairego que son boa mostra do seu pensamento político. O xornalista recórdanos que na década de 1840 Manuel Becerra estivo presente en todos os motíns que houbo en Madrid; que en 1848 era o xefe de setenta e dous estudantes que se batían nas rúas con sables; que en 1851 militaba na Esquerda Democrática; que 1854 participaba con O'Donnell nos acontecementos que deron lugar ao Bienio Progresista e que obrigaron a exiliarse a María Cristina de Borbón, a nai de Isabel II. Neste contexto situámolo ao fronte do denominado ‘Quinto Lixeiro', civís armados, cando, enfrontados aos soldados que gardaban o palacio real e xa sen municións, co sable na man e comprendendo que seguir máis adiante era unha morte segura, exclamou aquelas palabras célebres por moito tempo. ‘Hasta aquí llegó Becerra'.

Nas idas e voltas das conspiracións Becerra debeu escapar de Madrid. Foi daquela cando se refuxiou na casa da viúva Mª Ortiz a que logo sería a súa esposa, colaboradora e compañeira. No tempo do Bienio (1854-1856) a situación da economía española era lamentable. Estaba en pé un importante exército que consumía inxentes recursos económicos. Era un exército sobrecargado de mandos, con tropas mal alimentadas, peor vestidas, faltas de armamento moderno e case sempre carentes de espírito militar. O Bienio pretendía mellorar o exército e facer unha desamortización civil para obter recursos cos que trazar unha rede de ferrocarrís.

Particularmente Becerra era partidario de aproveitar a pacificación momentánea do país para abandonar conspiracións e alborotos nas rúas e formar un partido forte co que espallar as ideas democráticas e poñer remedio a esta situación. Foi así que Becerra puxo os seus traballos en favor da consolidación do partido Democrático xunto co seu amigo Nicolás Rivero. Acompañábaos Martos, quen mantiña diferenzas de criterios con Rivero, pero era Becerra quen dialogaba ata chegar a puntos de encontro que mantiñan vivo o proxecto. As ideas eran espalladas a través de tres xornais que daquela se publicaban en Madrid: La Discusión, El Pueblo e La Democracia. Becerra logrou organizar o partido Democrático de xeito que un Comité Central oíse os comités provinciais e locais e que todos os membros dos comités fosen elixidos por sufraxio universal dos afiliados. Pero axiña empezaron as disidencias. A xeito de exemplo, Becerra debeu acudir a Zaragoza para aplacar as tensións habidas entre os dous comités provinciais que se formaran ao tempo para dar cabida a ambicións persoais.

O partido Democrático decaía ao tempo que as diferenzas entre os seus membros ían a máis. Becerra e algúns correlixionarios iniciaron o proceso de achegamento ao partido Progresista en contra da opinión de Rivero. En 1865 o xeneral Prim pide a Becerra unha entrevista para un pronunciamento que logo sería coñecido como o dos sarxentos do cuartel da Montaña e que sucedeu na noite do 4 ao 5 de agosto daquel 1865. Respondendo a Prim, Becerra pronunciou as palabras e que marcarán o seu pensamento e actuacións de lealdades no actuar político:

--Ayudaré a Vd. con cuanto esté a mi alcance hasta llegar a uno de estos dos extremos: o que Vd. se separe del camino emprendido en pro de la libertad, o hasta que se haya triunfado. En cualquiera de ellos me reservo mi libertad de acción para seguir la conducta política que mis antecedentes me indican y mis principios, mi conciencia y mi honor me imponen.

Becerra acudiu ao cuartel da Montaña na noite do 4 ao 5 de agosto de 1865. Pero algúns dos seus acompañantes non cumpriron. Ao chegar alí encontráronse que a cabalería agardaba por eles. O asalto frustrárase. A Becerra non se lle puido probar nada e continuou tomando parte dos traballos que dirixía Prim. Pero aínda así foi perseguido e puido escapar mercé a habilidade da súa esposa. Prodúcese daquela unha gran confusión e diverxencia de opinións entre demócratas e progresistas sobre o integrarse ou non nunha Xunta Revolucionaria. O pronunciamento de Prim fracasara e marchara para Portugal e Francia, Becerra e outros deberon saír do país e en París retomaron as conspiracións.

Preparouse outro pronunciamento para a noite do 15 ao 16 de agosto de 1867 e Becerra opinaba que non tería éxito porque non se contaba con forzas militares suficientes. Ademais opúxose a que Prim se declarase antidinástico, asunto no que o tempo lle daría a razón, pois así Prim puido contar con apoios eficaces. Becerra tamén se opuxo a que Prim anunciase interromper as quintas; opinaba que as decisións debían afrontarse dende o poder e facelas efectivas cando se puidese e non prometer o que se cadra non se podería cumprir. Pero o intento volveuse frustrar. Prim buscou refuxio en Suíza e ao xeneral só lle quedaron fieis media ducia de conspiradores en París, Becerra un deles. Prim preguntou a Becerra se pensaba abandonar. Ao que o chairego respondeu con certa adustez:

El caudillo no tiene jamás derecho a preguntar a un hombre de honor que es lo que piensa hacer mientras estén vencidos. Cuando triunfemos, puede Vd. hacerme esa pregunta. 

Daquela volve prepararse un novo pronunciamento. E esta vez trunfou. Foi en setembro de 1868 e coñeceuse como A Gloriosa. Becerra chegou a Madrid a mediados de outubro e preparouse para reabrir a súa academia de matemáticas. En principio non quixo formar parte da Xunta Revolucionaria, pero axiña se integrou no grupo de traballo encargado de redactar a Constitución de 1869 despois de que se convocasen Cortes Constituíntes elixidas por sufraxio universal dos varóns maiores de 25 anos, a metade deles analfabetos. Será esta Constitución a que lle sirva de guía e referencia ideolóxica no resto da súa vida. Foi este o momento no que observamos unha fonda transformación en Manuel Becerra. Atrás quedou o Becerra conspirador, que se botaba ás rúas armado, que debeu exiliarse unha e outra vez. Chega un Manuel Becerra estadista, un home de goberno con referente ideolóxico escrito e claro, aprobado por unhas Cortes Constituíntes. El en persoa puxo toda a enerxía en promover diálogos e pactos que debían chegar a que os seus ideais estivesen presentes nas decisións dos gobernos.

Esta revolución de Setembro e Constitución de 1869 foi posible pola unión de tres grupos políticos: -O Unionista, encabezados por Francisco Serrano, duque de Torre e inmediatamente despois rexente do Reino. -O Progresista encabezado por Juan Prim, heroe de Castillejos. - E o Democrático, dirixido por Becerra, Martos, Rivero, Salmerón e outros. A Constitución de 1869 proclamaba que a soberanía residía esencialmente na Nación da cal emanan todos os poderes', establecía a liberdade de reunión e asociación, o sufraxio universal masculino, a liberdade de imprenta. Pero foron ous puntos conflitivos os que ocasionaron maiores debates e pactos. Establecíase que a forma de goberno en España era a Monarquía atribuíndolle o poder de disolver as Cortes, de cesar gobernos e de refrendar as decisións ministeriais. Estas atribucións provocaban diferencias coas vontades das maiorías parlamentarias e foi causa do alborotado reinado de Amadeo I.

O segundo foco de gran discusión foi a cuestión relixiosa. Acordouse a liberdade de cultos pero mantíñase a confesionalidade do Estado e o orzamento para ‘culto e clero'. E iso ocasionou duras discusións coas autoridades eclesiásticas e cos carlistas. Para chegar a acordos Becerra cedeu na ideoloxía republicano-unionista, conformouse coa liberdade de cultos e non apoiou os republicanos-federais. Como anécdota do seu talante pacificador, mencionamos que nesta época, sendo concelleiro en Madrid, interpúxose fisicamente a unha manifestación que pretendía asaltar a Nunciatura. Dirixíndose aos alí concentrados manifestou:

-Antes de violar el domicilio de un representante extranjero, tendréis que pasar por encima de mi cadáver.

A manifestación disolveuse sen máis.

Vixente a Constitución de 1869, nos primeiros días das Cortes acabadas de constituír presentou un proxecto de Instrución Primaria Obrigatoria para nenos e nenas dende os seis anos e tamén presentou outro de Re-emprazo do Exército, baseado este no servizo militar obrigatorio para todos os varóns de certa idade. Por estas proposicións recibiu críticas, pero foron ideas incluídas nos programas dos sucesivos gobernos. Juan Prim chamou a Manuel Becerra por dúas veces para que se integrase no Goberno. E o chairego renunciou por dúas veces. No terceiro ofrecemento aceptou a carteira de Ultramar, cargo no que estivo en dúas etapas entre 13 de xullo de 1869 ata o 31 de marzo de 1870. Entre as reformas para os territorios de ultramar por el propostas e que non puideron levarse a cabo pola brevidade do seu mandato, estaban:

-- Reforma da Maxistratura ao darlle total independencia. É dicir, separar o poder executivo do xudicial.

-- Proxecto de constitución específica para Porto Rico.

-- Creación dunha casa da Moeda en Cuba, o que implicaba autonomía en decisións económicas.

-- Liberdade de cultos máis ampla ca a recollida na Constitución de 1869.

-- Abolición do dereito de bandeira. É dicir, liberar o comercio, sobre todo o naval.

-- Lei de estranxeiría.

Estas medidas foron aplaudidas pola gran maioría da opinión pública. Pero contou coa frontal oposición dos gremios de azucre de Andalucía e sobre todo cos intereses dos navieiros cataláns e vascos. Máis delicado foi o asunto de abolir a escravitude. Algúns compañeiros de goberno opuxéronse e o asunto quedou aprazado. No asunto dos territorios de ultramar, velaí o resumo da súa ideoloxía:

-No queda, pues en mi opinión, más remedio; no hay otro camino que hacer de aquellas provincias unas provincias españolas completamente, con las mismas condiciones, con los mismos derechos, con los mismos deberes...

Pouco despois Becerra promoveu que demócratas e progresistas se agrupasen nun novo partido, o Radical. Malia principios indecisos, Zorrila e Madoz mostráronse de acordo e quedou definitivamente constituído cando Prim, tras ser duramente atacado no Congreso, proclamou:

-¡Radicales, a defenderse!

No proxecto do partido Liberal, foi Becerra un dos homes máis xenerosos ao ceder en parte dos seus postulados con tal de chegar a acordos:

‘...bien pudieran sacrificarse algunos perfiles a trueque de que hombres procedentes de otros campos concurran honradamente a aceptar principios por ellos combatidos en época anterior'. 

Á hora de elixir un novo rei para España conforme se recollía na Constitución de 1869, Becerra votou por Amadeo, o candidato de Prim, aínda que el prefería outros candidatos. A chegada do novo rei, de talante liberal, tivo o efecto de unir a toda a oposición, dende carlistas a republicano-federais. A morte de Prim provocou que aflorasen as divisións no partido Radical entre Sagasta e Ruíz Zorrilla, encargados de gobernar. Becerra evitar os enfrontamentos pero non conseguiu que nos dous anos do reinado de Amadeo se sucedesen seis gobernos, asunto agravado coa Terceira Guerra Carlista e coa intensificación da Guerra dos Dez Anos en Cuba.

Os tempos da I República foron igualmente tumultuosos. Os republicano-federais mostráronse intransixentes e mesmo tiñan organizados batallóns de defensa. Analizar sucesos, conspiracións, pactos e enfrontamentos sobrepasaría a paciencia que os asistentes a este acto demostran. Abonde engadir que Becerra mantivo o seu ideal político tendo sempre por referente a Constitución de 1869, se ben non deixaba de mostrar a súa preferencia pola República Unitaria. Logo chegou a Restauración promovida por Martínez Campos na figura de Alfonso XII. Becerra dedicouse ao coidado da súa esposa, enferma, e non quixo atender as chamadas conspiradoras de Ruiz Zorrilla.

Nos anos seguintes Becerra participou nas eleccións habidas con maior frecuencia da aconsellada, sempre coas luces e as moitas sombras que tales procesos ocasionaban naqueles tempos. Foi o momento elixido para abordar un novo proxecto político. Sería un partido democrático-monárquico auspiciado por Sagasta. Becerra, chamado a el, negouse a facer unha proclama en favor da Monarquía porque non deixaba de comprender que a institución era flexible de abondo para que todas as aspiracións puidesen desenvolverse dentro dela e que se había fortalecer con novos aportes. Engadía que a Restauración non se consolidaría se non se apoiaba en todas as forzas vivas da nacións, entre as que figuraban como parte importante os demócratas.

Pero volveu suceder o sabido. As diverxencias internas motivaron o seu esmorecemento. Así as cousas, volve ao poder o duque de Torre, o xeneral Serrano. Este chama a Becerra a formar parte do goberno. A resposta de Becerra foi clara:

-El compromiso que como hombre de honor adquiera reconociendo al rey, se a lo que me obliga y a ello no he de faltar cueste lo que cueste; pero por nada ni por nadie he de faltar de mantener los principios que he profesado toda mi vida.

 Nos meses posteriores Becerra traballa para facer da Izquierda liberal un partido serio e respectable baixo a xefatura do duque de Torre. Mentres o Fusionismo atraía aos outrora recoñecidos republicanos. Antigos compañeiros abandonaron o campo cando consideraron que non se ían atender os seus intereses particulares. Cando se tratou de que o duque de Torre anunciase o novo partido no Senado, foi Becerra partidario de que non lese ningún documento, senón que se confiase na súa oratoria e que quedase para os debates nas dúas cámaras o matizar ideas e intencións.

Alfonso XII e Cánovas preferiron chamar a Sagasta para que se formase un goberno liberal en detrimento do histórico Serrano. Caído Sagasta foi encomendado o goberno a Posada Herrera, (chamado o Gran Elector pola habilidade en saír vencedor en todas as eleccións). Becerra recibiu a encarga de dar resposta no Congreso ao futuro presidente do Consello de Ministros.

Entre outras cousas dixo:

-- Os equivocáis unos y otros creyendo ser los vencedores. Seremos todos los vencidos. Ahí enfrente están los conservadores. En otro momento he tenido la honra de decir en esta misma cámara que si el paso que dábamos los demócratas era estéril e ineficaz si llegaba a demostrarse… que nuestros principios eran incompatibles con ciertas instituciones, tal vez nuestros nombres fuesen vituperados, pero habríamos prestado un servicio a la patria eliminando un error. Y ahora, añado que no deis lugar a que la Historia diga más tarde que S.M. el rey Alfonso XII, al venir a este recinto a leer el mensaje a que debemos contestar, ha hecho más por las libertades públicas que todos los liberales reunidos. 

Unha vez máis o goberno dos liberais frustrou esperanzas postas. Sagasta entregouse a mans dos máis conservadores do partido e non fixo as reformas prometidas. Tamén influíu no fracaso o non permitir que liberais e demócratas se entendesen. E todo provocou que os onservadores retomasen o poder. O gabinete Posada-López Dominguez foi derrotado o 18 de febreiro de 1884 e substituído polo goberno de Cánovas del Castillo. Nos meses seguintes Becerra centra toda a súa actividade en pronunciar conferencias e espallar as súas ideas a través da palabra. No Círculo levantaban grandes expectativas as súas ideas demostrando que aos seus sesenta e tres anos era un magnífico home de Estado e un político ilustrado que continuaba estudando como nos tempos nos que ensinaba aos seus alumnos.

Outras palabras de Manuel Becerra poderiamos citar. Outros sucesos e actuacións poderiamos referir como testemuñas da súa ideoloxía política. Pero aquí, hoxe, abonda con recordar que un Becerra novo foi alborotador non sempre pacífico polas rúas e prazas madrileñas, que as conspiracións, fracasos e exilios deron paso a unha etapa na que a Constitución de 1869 puxo por escrito a meirande parte dos seus ideais de goberno. Foi daquela cando se produciu unha inflexión na que aparece un Becerra home de Estado, político dialogador e gobernante eficiente... se lle desen tempo necesario para poñer en práctica as súas ideas naquela España que se consumía en liortas e guerras internas, que mantiña un alto nivel de analfabetismo, que vía como os territorios de ultramar buscaban outros horizontes, que as estradas ran lameiras e que o tren, ese tren que debería hoxe contemplarnos, chegaba tarde ou simplemente non chegaba.

(Texto escrito para a homenaxe celebrada na Ponte de Outeiro, Castro de Rei, o 18 de decembro do 2020).