Un encontro de artes en movemento fará danzar Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

As actividades do «Atopémonos danzando» comezan a próxima semana, cunha mostra de danza e un obradoiro

14 dic 2020 . Actualizado a las 09:57 h.

Un encontro de artes en movemento fará danzar Lugo durante os próximos meses. A concelleira da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou «Atopémonos danzando. Xornadas de danza en Lugo», un programa que comezará a próxima semana, cunha mostra de danza e un obradoiro, e que continuará ata marzo do 2021.

Desde a área de Cultura explican que o obxectivo é seguir apoiando e promovendo as actividades culturais, «garantindo a seguridade das mesmas, mantendo vivo o tecido cultural da cidade e axudando a que a cultura, máxime nestes tempos, como unha opción real de ocio». Ferreiro presentou o Atopémonos en danza da man de Colectivo Glovo. As xornadas pretenden ser «un encontro das artes do movemento, nomeadamente a danza, na nosa cidade».

O programa comezará o próximo luns, día 21, cun obradoiro de Colectivo Glovo. Será de 17.00 a 19.00 horas, na sala de danza e teatro da USC. Está dirixido a todos os públicos, cun máximo de 10 participantes, podendo reservar praza enviando un correo a galiciadanzacontemporanea@gmail.com

Ao día seguinte, o martes 22, terá lugar a Mostra Aberta «Fin de residencia artística de MAPA», de Colectivo Glovo, no patio do Vello Cárcere. Será para todos os públicos previa reserva de praza no teléfono 982 297 195 ou no correo vellocarcere@concellodelugo.org.

O resto de actividades que terán lugar no 2021 inclúen diversos obradoiros e funcións de danza, da man de artistas coma Cris Vilariño, Diego M. Buceta, Alejandro Balboa ou a Cia Exire.