Lugo tamén ten unha Muralla de Letras

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Magín Blanco ofrece un concerto este venres
Magín Blanco ofrece un concerto este venres M.MORALEJO

Os libros e a lectura protagonizarán un encontro os días 11, 12 e 13 no Vello Cárcere. Haberá presentacións literarias, concertos para público infantil, e contacontos, con autores como Suso de Toro, Pakolas, Ledicia Costas ou Anxo Moure

08 dic 2020 . Actualizado a las 11:41 h.

Lecturas e libros danse cita en Lugo grazas ao Muralla de Letras, que organiza a Vicepresidencia da Deputación, do 11 ao 13 no centro cultural O Vello Cárcere. Presentacións literarias, concertos ou contacontos son algunhas das actividades propostas.

Suso de Toro, Ledicia Costas, Marica Campo, María Lado e Lucía Aldao, Pilar García Negro ou Luis López Alonso presentarán as súas últimas publicacións, conversarán co público e asinarán exemplares das obras. Magín Blanco, Paco Nogueiras e Paco Cerdeira «Pakolas» darán cadanseu concerto para público infantil, recollendo repertorios dos seus últimos libro-discos, mentres que Anxo Moure, Raquel Queizás, Brais das Hortas ou o colectivo Polo Correo do Vento convidarán aos cativos a ler a través de historias contadas. Ademais, Muralla de Letras dará eco ao proxecto editorial lucense Ámboa, que aposta por publicacións que conectan a literatura galega e portuguesa.

A vicepresidenta Maite Ferreiro subliñou «a calidade do programa, que reúne algunhas das autoras e autores máis coñecidas do panorama editorial galego en actividades con formatos e rexistros moi variados, para todos os públicos» e que fai, co título, unha chiscadela aos vinte anos da Muralla como Patrimonio da Humanidade.