Lara Méndez: «O recoñecemento da Muralla fixo que tiveramos orgullo de cidade, de 'lucensismo'»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez Carlos Castro

Subliña a trascendencia turística e económica do monumento e avoga por seguir coidándoo

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Lara Méndez que a Muralla romana de Lugo é un como un ente vivo. Un espazo adoptado por cada lucenses e ao que a declaración de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco lle cambiou o concepto. Nese intre foi cando a cidadanía tomou conciencia de que a súa muralla era un tesouro digno de admirar en todo o mundo.

-Que supuxo para Lugo e para a Muralla o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade?

-Un fito, un antes e un despois, no sentido de que Lugo empezou a estar no plano internacional, máis aló de que puidera vir xente doutros países antes do 2000. Notouse no incremento turístico, na dinamización e profesionalización do sector. O turismo, mesmo a hostalería vinculada ao turismo, a hotelería ou a restauración foron crecendo tamén grazas a iso. Hai que dar os parabéns ao alcalde Orozco e a toda a corporación de entón, e ao equipo que traballou para lograr o recoñecemento, porque foi un fito que impulsou o crecemento de Lugo.

-A declaración fixo que os lucenses estivesen máis orgullosos do seu?

-Si, supuxo un fito en canto a sentirnos orgullosos do noso, de ser lucenses. Foi decatarnos de que temos unha riqueza que é recoñecida mundialmente. Unha riqueza que temos que poñer en valor, que forma parte da nosa historia e que debemos dar a coñecer. A Muralla forma parte do noso carácter como lucenses. Evidentemente o recoñecemento da Unesco fixo que tiveramos un orgullo de cidade, de ‘lucensismo', de ser lucense. O galego e os lucenses temos ese carácter modesto, de non alardear, incluso de non poñer en valor o que realmente o ten.

-Antes falaba da transcendencia que tivo para Lugo a nivel turístico.

-Ao poñernos no mapa internacional, moita xente mirou a riqueza que temos, os patrimonios… o feito de estar no punto de mira da Unesco incrementou o peso turístico. E logo está o efecto chamada. Porque se fala, se coñece... Ademais, creo que se soubo aproveitar moi ben todo o que a rodeaba, como puido ser o Arde Lucus como posta en valor da Muralla, do patrimonio romano, do noso pasado. Iso tamén nos deu unha proxección importante a nivel internacional. Todo suma e enriquece. A proxección turística, por exemplo, tamén fixo que se puxeran máis en valor as festas patronais, con máis de dous séculos de historia.

-Cre que a Muralla necesitaría máis contexto histórico no seu entorno?

-Estamos completamente convencidos de que agora o obxectivo para poñer en valor todo ese patrimonio que temos é o museo da romanización no cuartel de San Fernando. Isto vai ser un revulsivo económico importante, pode ser un museo e un lugar de referencia para a cidade, Galicia e o noroeste peninsular. Igual que hoxe todos recoñecemos o valor inmenso do Camiño como potenciador económico, vertebrador do territorio e do asentamento da poboación en zonas rurais, o museo pode ser outro fito importante no desenvolvemento cultural, turístico e económico de Galicia.

-O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciou un plan director para a Muralla. Que expectativas ten?

-Descoñezo o plan director, e cando nolo presente estudarémolo a conciencia para poder complementalo. Porque se algo puxo de manifesto a crise sanitaria é que debemos poñer o foco nas cousas importantes, na cidadanía, en mellorar as nosas economías e fortalecernos grazas aos nosos recursos. A Muralla, Dona Urraca, o paseo interior da Ronda… todo iso vai contribuír a enriquecer Lugo. Igual que agora queremos aproveitar o sector forestal como elemento vertebrador, o patrimonio éo sen dúbidas.

A Muralla romana de Lugo
A Muralla romana de Lugo ALBERTO LÓPEZ

-Pódese dicir que os lucenses e os visitantes son respectuosos co monumento?

-De forma xeralizada si. Hai que ter en conta que cambiou o concepto que hai da propia Muralla. Por exemplo, hai décadas, o alcalde Ángel López Pérez tiña pensado tirala para poder crecer, daquelas non había concienciación sobre o patrimonio e vían a Muralla como un impedimento para que a cidade prosperase. Afortunadamente esa concienciación cambiou para todos. Incluso dende que eu era nena ata agora mudou o xeito de ver o patrimonio, igual que pasou coa conciencia do medio ambiente.

«É un elemento de socialización e todos temos que manter o noso patrimonio»

Subliña Lara Méndez que «a Muralla non é un patrimonio ao uso, non é un elemento que un vai, visita e marcha e xa está. É un elemento vivo. O veciño de Lugo utilízaa a diario para os paseos, para ir correr, para ver a cidade dende ela… É un elemento de socialización e polo tanto é responsabilidade de todos tentar manter o noso patrimonio e coidalo».

-Anunciou que os orzamentos incluirán unha partida para avanzar no camiño interior da Muralla. É necesario para seguir poñéndoa en valor?

-Si, que poidamos gozala dende todos os puntos de vista é importante. Non é o mesmo pasear polo adarve e ter a visión de media cidade, con esa amplitude, que ir polo paseo ou sentirte como protexido pola Muralla. Ademais, avanzar niso contribúe a que de xeito directo ou indirecto se vaian reconstruíndo vivendas particulares, se vaia dando máis vida ao casco histórico enchéndoo de vida, e a incrementar a actividade empresarial

-A materia pendente sería mellorar as traseiras da Muralla?

-Evidentemente aínda hai moitas débedas. Como o cuartel de San Fernando, que é un BIC e seguimos sen ter unha aposta real e decidida. Nós témolo decidido. Chamaremos a todas as portas que sexan precisas, xa o fixemos presentando esta iniciativa ao 1,5 % Cultural en Fomento. Estamos falando dese déficit, do do Pazo de Dona Urraca, que leva moitos anos en mans dunha administración pero sen compromiso real ata agora. Nós levamos tamén nos orzamentos unha partida para materializar esa actuación, e polo tanto imos dar pasos que contribúan á posta en valor.

-Cal é o primeiro recordo que conserva da Muralla?

-Moitísimos. Quizais a primeira vez que subín a ela. Foi cando viñen vivir a Lugo a finais dos anos 80. Era un Lugo moito máis gris, con moita máis néboa, porque aquí o cambio climático fixo que teñamos máis luz e variou o clima. Daquelas a Muralla dábame unha visión de amplitude, e agora de futuro, de pensar a longo prazo.