A creación de produto cultural nos últimos vinte anos en Lugo

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO CIUDAD

Un bo exemplo de intervención, con rehabilitación dun pazo, excavación no corpo de garda de Porta Miñá e recuperación dunha fonte histórica
Un bo exemplo de intervención, con rehabilitación dun pazo, excavación no corpo de garda de Porta Miñá e recuperación dunha fonte histórica OSCAR CELA

O historiador Adolfo de Abel Vilela repasa o bo traballo feito na cidade desde que a Muralla foi declarada Patrimonio da Humanidades

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun artigo publicado con motivo do X Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade aseguraba: «Unha cidade como Lugo que depende do sector servizos, debería de ter como obxectivo inmediato, sen renunciar a outros, a dinamización do sector turístico, creando produto e infraestrutura destinada a potenciar este sector».

Matinaba que algunha das ideas expostas poderían ser aproveitadas para inserir nun plan de dinamización do turismo cultural na cidade, unha iniciativa que nas circunstancias de crise actual parece máis oportuna e necesaria que nunca. 

A situación crítica da hostelería

Dicía daquela que a estancia media dos turistas en Lugo era a máis baixa de España, superándonos Zamora, Burgos e Guadalaxara. «Somos unha cidade de paso. Con todo os visitantes sorpréndense do que ven. E iso evidencia que falla a promoción». Pero non avanzamos. O 6 de agosto de 2019 o titular publicado nestas páxinas non deixa dúbida para a conclusión: «Lugo, a la cola de pernoctaciones y viajeros en ciudades de interior», e citábanse como cidades semellantes para a comparación a Logroño, Badajoz, Ávila ou Mérida que nos superaban. De maneira que dez anos despois seguimos igual, e por tanto peor.

A situación da hostalaría lucense nunca foi boiante pero despois do golpe da pandemia actual que a obriga a efectuar peches intermitentes, penso que para a maioría será crítica. A ninguén se lle oculta que para os establecementos que se atopan no recinto histórico o turismo no verán, e os eventos do Arde Lucus e o San Froilán, son os que contribúen a mellorar a súa conta anual de resultados. Se antes a cidade necesitaba levar a diante un plan para mellorar a presenza do turismo cultural, neste momento penso que resulta imprescindible. 

O que se fixo

Nos últimos dez anos creouse importante produto cultural, especialmente relacionado coa arqueoloxía. Mellorouse a montaxe, ampliouse o discurso e dotouse de material audiovisual á exposición arqueolóxica temporal da Porta Miñá que se fixera para promocionar a candidatura da Muralla, recuperouse a fonte e a porta da muralla do mesmo nome, a Universidade abriu o importantísimo conxunto arqueolóxico da Domus do Mitreo, abriuse unha nova ventá arqueolóxica na Rúa do Doutor Castro, recuperouse a piscina da Praza de Santa María, e avanzouse na recuperación dos baños romanos no Balneario por parte do propietario, que editou un libro sobre a súa historia.

Tamén se rehabilitou O Vello Cárcere, abriuse o MIHL, con máis expectativas que resultados, a diocese instalou na Catedral con criterio museográfico o seu Museo e estableceu visitas guiadas ao monumento, o Museo Provincial mellorou a montaxe dalgunhas salas e recuperouse a colección de Álvaro Gil de ourivería castrexa mediante adquisición, o Camiño Primitivo foi declarado Patrimonio da Humanidade, aumentando o paso de peregrinos pola cidade, e rehabilitáronse algún dos pazos urbanos pola iniciativa privada para uso turístico. Pero aínda se pode facer máis.