Muralla de Lugo Patrimonio Mundial: as oportunidades perdidas

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO CIUDAD

Todo o entorno da Muralla no barrio do Carme e na Tinería aínda ten que ser rehabilitado
Todo o entorno da Muralla no barrio do Carme e na Tinería aínda ten que ser rehabilitado ALBERTO LÓPEZ

O historiador Adolfo de Abel Vilela analiza as eivas que segue a ter o monumento vinte anos despois de que a Unesco a recoñecese como Patrimonio da Humanidade

29 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dez anos que nestas páxinas de La Voz de Galicia publiquei 26 artigos baixo o título xenérico de 10 anos, 10 ideas, con motivo do décimo Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade. Comezaba o primeiro artigo con estas palabras que por desgraza resultaron premonitorias: «Xa temos Ano da Muralla. Xa nos dixeron que somos o embigo do mundo, e que os lucenses e Lugo somos 10. Pero antes de que nos deixemos cegar polas luces e o estrondo dos fogos de artificio que se botarán no festexo, sería conveniente separar o po da palla, a realidade da propaganda, que fixésemos un balance do que se fixo e do que non en relación co motor que para o desenvolvemento do turismo na cidade supoñíase que debería ser, e debe ser, a concesión á Muralla do título de Patrimonio da Humanidade. Con iso pretendo evitar que pasemos outros dez anos embobados e co freo de man posto». 

O que non se fixo

A Muralla segue a ser un monumento de enorme potencia descontextualizado da súa etapa romana. Lembraba daquela que o 9 de setembro de 1999 López Orozco, fixo a primeira visita institucional como alcalde a Manuel Fraga, presidente da Xunta, e presentoulle a proposta de escavar os solares vacantes na contorna do monumento polo interior, mediante un convenio de colaboración coa Xunta, para que axudase no financiamento dos traballos, que a Universidade achegase estudantes de Arqueoloxía e o Concello de Lugo contrataría os peóns a través dun convenio do INEM coas corporacións locais. Tan interesante iniciativa nunca foi realizada nin se soubo dela.

Suxería eu que sería conveniente crear unha área arqueolóxica de toda a zona da Porta Miñá, incluíndo as escavacións próximas que puxeron ao descuberto fornos de fundición, de cerámica e vidro, o que constituía unha das maiores concentracións industriais do noroeste peninsular, diversas estruturas e infinidade de materiais de distinto tipo, xacemento que a Consellería de Vivenda e Solo no goberno bipartido acordara por en valor, tanto desde o punto de vista museístico como turístico. Pasados 10 anos os gobernos de Feijoo, nada fixeron. 

O museo arqueolóxico

Pero sen dúbida a eiva máis destacada e escandalosa é a do museo arqueolóxico no cuartel de San Fernando. Crendo na seriedade dunha Administración e dos políticos que a rexen escribía no 2010: «Como ningunha obra pública se fai nos prazos previstos, con moita sorte o Centro de Interpretación e Museo da Romanización en Galicia, que formará parte da Rede de Patrimonio Arqueolóxico, estará en funcionamento para o próximo Ano Santo, no 2021».

Recoñezo que pequei de inxenuo e de optimista porque do tal museo o que tivemos nestes dez anos foi a cancelación do proxecto por parte da Xunta de Galicia, pois o anterior delegado territorial e o conselleiro de Cultura rexeitaron a infraestrutura aducindo que Lugo non precisaba o museo porque xa tiña moitos, e para cubrir a inacción na véspera das eleccións sacaron da chistera o chiste do parador-museo.

O Concello comprometeu a realizar o Museo Arqueolóxico Galaico Romano, que estaría ben que estivese en funcionamento para o ano 2025. Sería a mellor forma de conmemorar o 50 aniversario da celebración do Bimilenario de Lugo.

Os pazos urbanos

Apuntaba nun dos artigos que o 30 de outubro de 1999, corenta membros da Asociación Amigos dos Pazos, de Vigo, visitaran Lugo sendo recibidos polo alcalde ao que manifestaron o seu apoio á candidatura da Muralla para que se declarase Patrimonio da Humanidade.

López Orozco dixo naquela ocasión que o recinto histórico gardaba importantes testemuños de arquitectura pacega, como a propia Casa Consistorial de Lugo, e que, a pesar de que estaban estudados e catalogados, non se rehabilitaran, labor na que esperaba colaborar o Concello «mercando algún, para dedicalos a pequenos museos de música ou cerámica».

É evidente que tan feliz idea non se materializou por parte do Concello, e que foron algúns particulares os que o fixeron cun gran esforzo económico e coa nula colaboración da institución municipal, da que só obtiveron trabas.