Antonio Reigosa: «Hai un roteiro ben interesante para vincular Lugo á Xeración Nós»
LUGO CIUDAD
Este sábado continúan os Roteiros Literarios pola cidade
26 nov 2020 . Actualizado a las 16:19 h.O escritor Antonio Reigosa guiará este sábado, día 28, o roteiro literario «A Xeración Nós e Lugo», que organiza a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. As prazas están esgotadas.
-É importante a vinculación da Xeración Nós con Lugo?
-A orixe e os principais persoeiros vinculados a Nós é ourensá, pero en Lugo houbo persoeiros moi relevantes, dentro desa xente que puxo a andar o boletín Nós. Algúns viñeron de fóra e outros eran lucenses. Algúns deles teñen rúa, outros monumento... Así que hai un roteiro ben interesante para vincular Lugo a Nós e viceversa.
-Cales foron os lucenses máis activos?
-Houbo distintos períodos e, en función da idade, uns foron máis activos ao principio e outros ao final. Destaca o musicólogo lucense Jesús Bal y Gay, pero tamén Carballo Calero ou Antón Fraguas que, vindo de fóra, fixeron moitos anos da súa vida profesioanl en Lugo. Tamén destacan Ánxel Fole, Antón Noriega Varela, Evaristo Correa Calderón, Francisco Lanza, Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesia Alvariño... E case todos teñen rúa ou monumento en Lugo.
-Como será o roteiro?
-Imos facer un percorrido que vai comezar na Praza da Soidade, para falar de Carballo Calero, que viviu nesa zona; tamén a Rúa Antón Fraguas e Lois Peña Nova, onde viviu Primitivo Rodríguez Sanjurjo; Praza Maior, para falar de Pimentel. En Campo Castelo está a estatua de Fole, e alí viviu Antón Fraguas e Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey. Seguiremos polo paseo dos escritores, con Casteleo, Otero Pedrayo... no Círculo das Artes, para rematar no IES Lucus Augusti, onde deron clase persoeiros como Filgueira Valverde ou Correa Calderón.