Fala o presidente

XULIO XIZ

LUGO CIUDAD

24 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu mirei, mirei, o domingo á tarde. Escribo mentres o Presidente do Goberno fala en directo pola televisión, entre películas de amor. Dáme tempo. Éme difícil facelo porque a verborrea me invade. Fala moito e di menos. Informa sobre a pandemia que mata rápido e moito, e iso impide que o seu entusiasmo me invada. Noto en falta, ao remate, que non soe o himno nacional. Congratuloume esta semana a palabra do filósofo Orozco (non sairá na foto, pero non lle fai falla) facendo oir o orteguiano «Non é iso; non é iso…» sobre a situación política nacional onde un goberno valleinclanesco escenifica esperpentos.

Fala o Presidente dos «ministros e ministras de esquerda», como boa nova para o país, «con acertos e errores, con empatía social», mentres Orozco insinúa que será cousa dos novos, sorprendido pola deriva da política nacional que a todos sorprende, e aos maiores nos fai pensar se serán tan raros os tempos como para obrigar ás rarezas que estamos contemplando. Para un militante, sempre hai decisións superiores difíciles de acatar, tocándolle agora ao PSOE convencer aos seus seguidores de que «España vai ben» e todos temos que remar ao mesmo ritmo. Entre vacunas e contaxios, inmigrantes e presuposto ou disensións ministeriais, as preguntas dos xornalistas teñen garantido o amplo sorriso do Presidente, e respostas nas que orzamentos e vacunas sempre serán parte esencial da contestación. Segue a intervención presidencial. E asómbrome de que ningunha outra cadea (nin Clan, Disney ou Boeing) preste atención á intervención presidencial. Non hai dereito.