A primeira feira do fanzine de Lugo reunirá a vinte artistas esta fin de semana

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

O encontro, aberto e gratuíto, permitirá mergullarse na ilustración, o grafismo e a creación literaria

17 nov 2020 . Actualizado a las 12:36 h.

Unha vintena de artistas se darán cita esta fin de semana na primeira feira do fanzine de Lugo, un encontro aberto e gratuíto que permitirá ao público mergullarse no mundo da ilustración, o grafismo e a creación literaria. A cita, que leva por título 1º Encontro de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia, está organizada pola galería de arte Solaina e a concellería de Cultura do Concello de Lugo.

Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, explicou que «Vaia Vaia é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo».

A edil engadiu que «durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas. Con esta iniciativa queremos abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características».

O punto de encontro principal de Vaia Vaia será o mercadiño de fanzines, que se ubicará na rúa Soto Freire, e que contará con vinte artistas. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento. «Todas as actividades serán de balde e seguirán os protocolos de prevención que vimos aplicando en todas as actividades culturais para garantir a cultura segura», explicou Maite Ferreiro.

O programa é o seguinte:

Sábado 21

· 12.00h. Rúa Soto Freire. DJ: Riquinha (12.00), Beta (15.00) e Rivers Z (18.00)

· O Vello Cárcere, 17.30h. Actuación de Grande Amore

· O Vello Cárcere. Conferencias: «Creando identidade a través de proxectos persoais», por Miguel A. Costa, 12.30, e «O que poida ser libre, non se cative», por Sofía Prósper e Gabino Vázquez, 16.00h

· O Vello Cárcere. Proxección do documental «Grapas», 19.30h

· Obradoiro «Autoedición post-internet: Das impresoras ás pantallas», por Antonio Giradles, 11.30h.

Domingo 22

· Rúa Soto Freire, 12.00h. DJ Dan Castellaneta (12.30) e Toninja (16.00)

· O Vello Cárcere. Actuacións de Trinitá (13.00) e Elba (19.00)

· O Vello Cárcere. Conferencias: «Presentando Raposeiras Editorial» (12.30) e «Conversas Panameñas» (17.00), con Carola Gelabert, Judith Corro, Victoria Rojo e Sol Moreno

· O Vello Cárcere. Proxección de curtametraxes de animación «Reality» e «Buttwhy», 16.00h

· Obradoiro para nenos «Coloreando as vangardas», 16.00h.