Toñita e Isolina: soas, independentes e activas con máis de 85 anos

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

Alberto López

Conservan intactas as ganas de traballar, gozan no día a día e ven a vida sen dramas

15 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Isolina e Toñita son dúas raparigas de máis de oitenta e cinco anos que viven no concello de Lugo. Non se coñecen, pero teñen algo en común: con máis de oito décadas ás costas, viven soas, son activas, independentes e optimistas. E iso que a vida lles puxo máis dun atranco no camiño.

No concello de Lugo hai máis de 5.000 persoas maiores de 65 anos que viven soas e Toñita Vázquez é unha delas. «Vivo soa dende hai vintepico anos e lévoo ben porque me valgo por min mesma e teño unha filla que está pendente de min», conta en pleno barrio da Milagrosa, onde reside.

 Toñita é como un remuíño de enerxía. Nada hai 87 anos -«teño os 88 sen facer»-, traballou máis de vinte nun matadoiro e dende pequena está acostumada a loitar. «A min gustoume moito traballar e moverme, e sigo facéndoo. Agora unha vez á semana vén unha rapaza facer a limpeza á casa, porque así folgo un pouco, pero senón tamén me defendía eu», conta chea de razón.

Cada día érguese arredor das 9 da mañá, almorza, arránxase e sae camiñar máis dunha hora. «Logo fago a comida e pola tarde vexo un pouco o cotilleo na televisión, pero despois volvo saír, e paseo ata a praza da Milagrosa. Os bancos da praza xa son como a miña segunda residencia», di entre risas. Antes de que a pandemia obrigara a pechar os bares, Toñita quedaba coas súas amigas para tomar un descafeinado e botar un conto, pero o covid levouse a tradición por diante. Igual que a de xogar a partida no centro social. «Gustábame moito, pero agora, aínda que reabrira, non iría, porque non pode estar moita xente xunta».

Toñita acostuma a dar de comer aos gatos da súa rúa
Toñita acostuma a dar de comer aos gatos da súa rúa ALBERTO LÓPEZ

Toñita valora a súa independencia e proclama que, mentres poida, seguirá vivindo soa. «A miña filla díxome moitas veces que fora para onda ela, pero mentres me vaia... E iso que con eles estou mellor, que mo dan todo feito». Pero no seu barrio Toñita ten a súa vida e as súas amizades, uns veciños que a adoran e aos que adora, e animais cos que entreterse: dous cans dun veciño aos que mima, e cinco gatos da rúa aos que todas as tardes serve xamón cocido ou peixe do día.

A manzanilla

Como moitos, Toñita soubo adaptarse á vida en soidade e fíxoo poñendo da súa parte. «Hai que ser algo abertos e levarse ben con todo o mundo. Eu teño o meu grupo de amigas e non me amargo así polas boas, non se pode ser dos que din isto non e aquilo tampouco», receita. No corazón arrastra algún desgusto sentimental e sobre todo o falecemento dun fillo, «pero eu fun sempre de loitar», di coa voz apertada esta lucense que só visitou o hospital unha vez, coa ansiedade atenazándoa.

Porque Toñita é unha desas mulleres aguerridas curtidas na vida que a poucas cousas lle teñen medo. Nin sequera aos longos invernos. «O malo de vivir soa é cando te atopas mal e non tes na casa a quen dicirlle que che faga unha manzanilla», resume. Pero mesmo para iso ten solución. «Teño dúas veciñas enfermeiras marabillosas que baixan nada máis dicirlles algo».

«No confinamento o meu pasillo era a Rúa da Raíña»

A Toñita cústalle botar o día na casa. «Eu sempre fun activa, na casa quietos non se fai nada». Durante o confinamento o corredor do seu piso «era como a Rúa da Raíña, paseo para arriba, paseo para abaixo». Recoñece que o pasou mal por estar encerrada «e porque collín quilos como nadie!», conta coa súa risa franca. Porque a Toñita a cociña segue a dárselle ben, a pesar de que vivir soa non lle axuda. «A carne asada sáeme moi ben, pero hai que facer cantidade, por iso perdo de facela. Cando me apetece tráioa feita, que eu ganas de carne conxelada non teño».

Isolina, xunto á súa veciña Flora, na súa casa
Isolina, xunto á súa veciña Flora, na súa casa ALBERTO LÓPEZ

Isolina: «O mesmo coso que fago masa de cemento»

Toñita vive nun piso en plena cidade de Lugo, mentres Isolina, o fai nunha aldea próxima á cidade. Ten 85 anos, unha saúde de ferro e mantén vivas as súas ganas de aprender. «Vivo soa, pero non en soidade. A miña familia está sempre pendente de min e teño saúde, así que non me podo queixar. Hoxe fáltame forza, pero unhas horas de traballo aínda non me nego a botalas».

A valentía de Isolina

Conta Isolina que sempre foi unha muller botada para diante. «Nunca me vin covarde, seguramente porque meu pai tamén era moi decidido». Sendo moi nova, e co apoio da familia, montou un bar. Houbéralle gustado estudar Farmacia, pero daquelas os aforros non se daban estirado e só puideron formar a seu irmán.

Cando casou mudou para o concello de Lugo e na aldea tivo as súas dúas fillas. «Eu fixen de todo na miña vida, menos cortar toxos. Tiñamos vacas, eu cosía, e ata restaurei!», desvela con certo orgullo. Isolina non teme aos retos. O mesmo borda que colle a paleta para encintar unha parede. «Non lle teño medo a nada, o mesmo coso que fago masa de cemento. Aquí estivera un albanel traballando e eu vira como o facía nas alturas da casa, así que un día dixen: eu tamén podo. Fixen masa nunha carretilla e empecei. A primeira caíaseme toda, pero non perdín os ánimos e seguín. E ata hoxe. A sala e a palleira están feitas por min», explica. «Ese hai unha necesidade nun anaco, aínda hoxe o fago».

 Ao longo da súa vida, só houbo unha cousa que Isolina non fixo: sacar o carné de conducir. «Porque me mareaban os coches. E mira que oín bronca do marido e das fillas para que o sacara, pero non estaba para min. Sen embargo, o tractor, sen cabina, conducíao porque me sentía libre. Aínda hoxe, se non fora porque é alto, me daban ganas de darlle unha volta pola eira», conta entre risas.

Isolina leva doce anos vivindo soa, dende que o seu marido faleceu, pero está acostumada e mentres sexa autónoma non se lle pasa pola cabeza deixar a súa casa. «Tomo media pastilla para a tensión, nada máis». Cando enviuvou pasouno mal e, animada polas súas fillas, acudiu a risoterapia e ximnasia á cidade, «pero os horarios dos buses non me encaixaban. Xa me gustaría que tiveramos un local social na aldea para facer cousas deste tipo».

No día a día, a Isolina non se lle pegan as sabanas. «A cama cánsame, ás 8:30, a máis tardar, levántome. Aséome, almorzo e fago os traballicos que teñan pendentes. As fillas non queren que faga nada, pero vou estar todo o día mirando?», pregúntase. Na horta ten verzas e nabizas, e no salón a costura sempre preparada. «Teño que cambiar as gafas para enfiar a agulla», confesa, pero as súas mans seguen bordando e punteando coa axilidade de quen leva toda a vida facéndoo. «É que a min sempre me gustou traballar. No que fora, dábame igual», explica.

 Isolina, ao igual que Toñita, encarou sempre a vida con valentía e hoxe, con 85 primaveras, segue facéndoo. Gozando da independencia e dunha familia que está constantemente pendente dela. O seu maior orgullo.