Un Festival de Cinema renderá homenaxe ás mulleres este mes

O Concello de Lugo dedica ás mulleres cineastas «invisibles» o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


Lugo / La Voz

Un Festival de Cinema (Filmu) renderá homenaxe en Lugo este mes ás mulleres. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa de actividades «Invisibles», que organiza a área de Muller, Igualdade e Xuventude do Concello de Lugo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A concelleira Ana G. Abelleira explicou que o 25 de novembro, a Casa da Muller vai poñer en marcha una serie de accións englobadas en torno ao concepto de «invisibles»: «Por Invisibles entendemos todas aquelas mulleres que, polo feito de ser mulleres, estiveron e continúan estando ocultas, desprazadas, discriminadas, marxinadas e minimizadas, tanto na súa esfera persoal como na social. Invisibles á hora de exercer a súa profesión, á hora de desenvolverse como persoas plenas de dereito, á hora de manifestar as súas opinións, á hora de vivir unha vida propia, digna e libre».

Este ano, a edición de «Invisibles» estará dedicada ás mulleres cineastas, poñendo de manifesto tamén a situación discriminatoria das mulleres nun eido no que, maioritariamente, a cara visible é a dos homes.

O programa estruturarase en catro liñas de acción:

· Espazos expositivos na Casa da Muller, A Tinería, Praza de Santo Domingo e Praza Pío XII, dos días 23 ao 30, que lembrarán ás mulleres asasinadas e servirán, ademáis, de puntos informativos do resto de actividades.

· Espazo expositivo «Feito por unha muller», que dará a coñecer -fará visibles- a mulleres cineastas e as súas obras audiovisuais.

· Festival Cinema Mulleres, Filmu, que se celebrará do 25 ao 29 nos Códex Cinema, no que se presentarán películas feitas por mulleres e se realizarán charlas con cineastas invitadas. Tamén se presentará un decálogo de como ver cinema en igualdade e se concederán os premios Nova Onda ás películas que, pola súa calidade e a súa visión, fan unha mellor representación da muller e as súas situacións.

· Faladoiro Feminista o día 28, con Mabel Lozano, que presentará, por primeira vez en Galicia, o seu novo libro PornoXplotación, e que tamén proxectará, no marco do Festival, o documental El Proxeneta.

As inscricións permanecerán abertas dende o día 13 a través do espazo habilitado en www.concellodelugo.gal ou en www.filmu.es, completando o formulario. As prazas cubriranse por orde de chegada das solicitudes. En caso de que as autoridades sanitarias non permitan levar a cabo as actividades de maneira presencial, realizaranse en liña.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un Festival de Cinema renderá homenaxe ás mulleres este mes