As novas visitas guiadas inmersivas da Rede permitirán visitar os museos desde a casa

La Voz LUGO

LUGO CIUDAD

Colección de ourivaría castrexa no Museo Provincial
Colección de ourivaría castrexa no Museo Provincial ALBERTO LOPEZ

Estas iniciativas de difusión cultural apostan polos recursos en liña

10 nov 2020 . Actualizado a las 21:56 h.

As novas visitas guiadas inmersivas da Rede Museística Provincial permitirán visitar os museos desde a casa e coñecelos desde outra perspectiva. A programación da Rede para o mes de novembro incide na aposta polo uso das tecnoloxías e dos recursos en liña para continuar coa labor expositiva e divulgativa que se desenvolve desde os catro museos provinciais: Museo Provincial de Lugo; Museo Provincial do Mar de San Cibrao; Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol; e Pazo de Tor, en Monforte.

O vindeiro día 16, coincidindo co Día do Patrimonio Mundial e Natural, porase en funcionamento unha plataforma multicanal, que aglutinará todos contidos e propostas en liña que se ofrecerán desde a Rede Museística, entre elas, as actividades didácticas orientadas á comunidade educativa.

Entre as propostas máis novidosas, atópanse as visitas inmersivas, que ofrecen a posibilidade de coñecer os fondos, coleccións e exposicións dos museos provinciais a través dun percorrido virtual. A xerente da Rede, Encarna Lago, explicou que «non se trata de percorridos virtuais ao uso, senón de visitas temáticas, deseñadas e guiadas polo persoal da rede que acompañará ás persoas usuarias nesa experiencia inmersiva». Tamén incidiu «na precisión do traballo técnico das vistas en 3D, realizadas cun escáner de última xeración».

Tamén visitas por teléfono

Ademais do formato en liña, a Rede ofrece visitas audiodescritivas a través de chamadas telefónicas, «unha alternativa pensada para as persoas que non manexan a Internet, para facer fronte á brecha dixital entre xeracións», engadiu Encarna Lago que propuxo estas actividades como recurso para «residencias e centros de maiores ou asociacións e profesionais que traballen coas persoas de máis idade».

A vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro, valorou a «a capacidade do persoal dos museos para adaptarse á situación sanitaria na que nos atopamos e seguir ofrecendo contidos interesantes tanto para a comunidade educativa como para o resto dos públicos», e animou a «aproveitar estes recursos para achegarse ao patrimonio e ás manifestacións culturais que gardan os museos provinciais».

Plataforma multicanal

As visitas inmersivas, que a partir do día 16 se poderán solicitar a través da propia plataforma, están dispoñibles xa, previa concertación nos teléfonos dos museos.