Un libro sobre Nicandro Ares reafirma a súa «calidade humana» e o seu «rigor intelectual»

O mércores 11 preséntase no Seminario «Don Nicandro Ares. Bo e sabio», ás 18.00 horas

Nicandro Ares, no 2013
Nicandro Ares, no 2013

Lugo / La Voz

O crego, investigador e académico Nicandro Ares, falecido en xullo do 2017, deixou un legado dunha importancia incalculable, tanto no ámbito da toponimia, como nos seus estudos sobre Santa Eulalia de Bóveda -de onde era natural-, coa defensa da cultura galega ou co seu exemplo no plano intelectual e humano. Este mércores, día 11, réndeselle unha homenaxe coa presentación dun libro, Don Nicandro Ares. Bo e sabio, que constitúe o primeiro achegamento intelectual e biográfico á figura de Nicandro Ares. O acto terá lugar ás 18.00 horas na Aula Magna do Seminario Diocesano, cun aforo reducido a 30 persoas. Pero quen o desexe tamén poderá seguir a presentación desde as redes sociais da Diócese de Lugo, que retrasmitirán o acto.

O libro, editado por Vozesnavoz, sairá á venda tamén mañá. Javier Diéguez, editor da obra, explica que a publicación leva impresa desde marzo, pero a pandemia obrigou a ir aprazando a súa saída. A obra conta cunha parte dedicada a estudos, na que se inclúen investigacións sobre a biografía ou aspectos intelectuais de Nicandro Ares, grazas ás aportacións de Argimiro López Rivas, Enrique Montenegro, Felipe Arias Vilas, Ricardo Polín, Manuel Rodríguez Sánchez, Antón Santamarina e Xesús Ferro Ruibal. Outra parte está dedicada a testemuños, coa participación de Adolfo de Abel Vilela, Xosé López Díaz, Anxo González Guerra, Gregorio Ferreiro Fente e Xoán Carlos García Porral. O libro complétase cun apéndice no que se inclúe a bibliografía completa e exhaustiva de todo o que publicou Nicandro Ares, desde a súa primeira obra en 1962 sobre Santa Eulalia de Bóveda, ata unha publicación póstuma no 2019. Tamén inclúe unha presentación a cargo do bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, e do ex presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, ademais de numeroso material gráfico.

Unha das grandes revelacións para os impulsores deste proxecto foi, en palabras de Diéguez, reafirmar «a súa grande calidade humana» e «o seu rigor intelectual». De feito, o legado de Nicandro Ares vai máis aló das súas múltiples investigacións: «Abriu novos camiños para outros investigadores», continúa Diéguez. Por exemplo, no ámbito da toponimia, deixou investigacións pechadas e outros casos nos que fixo constar que aínda había máis pescudas por facer: «Pero un dos grandes logros foi o seu novo método de estudo na toponimia, orixinal e rigoroso, que terá continuidade para o estudo de topónimos e microtopónimos».

O editor lucense asegura que a figura de Nicandro, os seus ensaios e a súa metodoloxía «ben merecerán outros estudos no futuro».

«Estudei a toponimia de 35 concellos de Lugo porque me apaixonaba moito»

miguel cabana

O crego e intelectual lucense aceptou unha conversa que quedou sen rematar porque a súa enfermidade xa non o permitiu

Nicandro Ares Vázquez, (Santa Eulalia de Bóveda, Lugo, xuño de 1926), faleceu e foi enterrado na súa parroquia natal o pasado luns, con 91 anos. Crego, profesor no Seminario de Lugo case toda a súa vida, reputado investigador da toponimia lucense e membro da Real Academia Galega, viviu sempre tan humildemente que lle custaba conceder entrevistas porque dicía que el «pouco tiña que contar». Hai algo máis de dous anos, cando xa estaba enfermo e a vista non lle permitía traballar, aceptou recibir a un antigo alumno para conversar sobre a súa vida e obra. Pero unha vez rematada a conversa, insistiu coa súa humildade habitual en que non contara ningunha cousa importante, e que a entrevista non tiña interese para ninguén. Tanto insistiu que quedamos en volver a falar outro día cando estivera máis descansado sobre a súa obra Estudos de toponimia galega para «redondear e ampliar» a entrevista para que aportase algo máis, segundo as súas verbas. Pero a enfermidade fóiselle agravando, ata o seu falecemento hai uns días, e nunca se puido completar. Deixala sen publicar sería unha inxustiza para un intelectual tan relevante en Lugo. Así que, vaia como homenaxe á figura de Nicandro Ares esta entrevista póstuma, gravada na súa casa, que el consideraba que «pouco tiña que aportar».

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Un libro sobre Nicandro Ares reafirma a súa «calidade humana» e o seu «rigor intelectual»